Putin alerta a OTAN que está a causar unha "ameaza real" de guerra nuclear

Mañá desenvolverase en Moscova o funeral de Alexei Navalni.
O presidente ruso, Vladimir Putin, interveu hoxe perante as dúas Cámaras lexislativas. (Foto: Kremlin / DPA)
photo_camera O presidente ruso, Vladimir Putin, interveu hoxe perante as dúas Cámaras lexislativas. (Foto: Kremlin / DPA)

O presidente ruso, Vladimir Putin, no discurso hoxe sobre o Estado da Nación diante de membros das dúas Cámaras lexislativas, abordou o debate no seo da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) arredor da posibilidade de enviar tropas a Ucraína, advertindo que “amais de asustar o mundo, é unha ameaza real dun conflito no que se usen armas nucleares, o que significa a destrución da civilización”.

O mandatario incidiu en que “terían que decatarse de que nós tamén temos armas capaces de alcanzar obxectivos no seu territorio”, cuestionando se “non entenden iso” e descartando como un “disparate” as acusacións de que “Rusia supostamente se propón atacar Europa”.

Ao tempo, apuntou que son conscientes de que a OTAN busca impulsar unha carreira armamentística e “repetir o truco que fixo coa Unión Soviética (URSS)” para levar a cabo no país “o mesmo que fixeron en moitas rexións do mundo, incluída Ucraína, traer discordia ao noso fogar e debilitalo desde dentro”, mais “calcularon mal”, resolveu antes de insistir en que “faremos todo o posíbel para erradicar o nazismo".

ONG con financiamento occidental

Ademais, a voceira do Ministerio de Asuntos Exteriores ruso, Maria Zakharova, denunciou que máis de 2.000 ONG e medios de comunicación operaban en 2020 con financiamento occidental na Comunidade de Estados Independentes, que agrupa varias repúblicas que estaban integradas na URSS.

A estas entidades atribuíulle unha tentativa de “desestabilizar a situación sociopolítica e económica nestes países”.

Funeral de Navalni

Asemade, hoxe decorrerá en Moscova, a capital rusa, o funeral de Alexei Navalni, falecido nunha prisión rusa e considerado por Occidente como o principal opositor a Putin.

Comentarios