Zelenski e Mitsotakis líbranse por 150 metros dun ataque a Odesa

Rusia rexeita as medidas da Corte Penal Internacional.
O presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, visitando as súas tropas na liña de fronte. (Foto: Presidencia de Ucraína vía DPA)
photo_camera O presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, visitando as súas tropas na liña de fronte. (Foto: Presidencia de Ucraína vía DPA)

O presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, e o primeiro ministro grego, Kyriakos Mitsotakis, visitaban a cuarta feira o porto de Odesa, en Ucraína, cando se produciu un ataque ruso con drones contra a cidade, chegando a impactar un dos proxectís a 150 metros do convoi dos mandatarios. A ofensiva tería causado no mínimo cinco mortes, así como feridas en varias persoas.

Nunha reunión, ambos os dous trataron a axuda militar grega e a seguridade no tráfico marítimo no mar Negro, sobre o que Rusia asegurou que un dos seus cazas interceptou tres avións militares británicos, evitando o que cualificou como unha tentativa “de violación da fronteira” rusa.

No Reino Unido, o titular de Exteriores, David Cameron, propuxo prestar a Ucraína fondos por valor dos activos rusos conxelados, que usaría como garantía para un suposto pago futuro de reparacións de guerra. Amais, o ex responsábel de Defensa, Ben Wallace, criticou a filtración dunha conversa entre altos mandos militares alemáns, que revelou a presenza das súas tropas en Ucraína para colaborar nos lanzamentos dos mísiles de longo alcance entregados a Kíiv.

Arredor do debate aberto por Francia sobre a despregadura de tropas da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) en Ucraína, que desembocou nunha escalada de tensións entre Rusia e a alianza militar controlada polos Estados Unidos, o Kremlin advertiu que están a “xogar con lume”.

Todo isto após coñecerse que os Estados Unidos usaron cazas F-35 para “localizar e identificar emprazamentos de mísiles terra-aire de unidades rusas en Ucraína”, uns datos compartidos cos membros da OTAN, detallou o ministro de Defensa de Singapur, Ng Eng Hen.

Asemade, Rusia subliñou que non é parte do Estatuto de Roma, polo que non recoñece as decisións da Corte Penal Internacional. O órgano, cuestionado após non actuar fronte ás demandas polo xenocidio israelí en Gaza, emitiu dúas ordes de arresto contra comandantes rusos aos que acusa de estar implicados en ataques contra a infraestrutura eléctrica ucraína.

Intento de asasinato dun opositor ucraíno

Á vez, en Catalunya, o opositor ucraíno Anatoli Shari e a súa parella denunciaron que un home coa cara tapada intentou que parasen nunha ponte e apuntounos cunha metralleta. A súa contorna acusa os servizos secretos de Kíiv, que o inculpa por traizón, de intentar matalo. En 2023 lanzaron un cóctel molotov contra a súa vivenda. O opositor lanzou un partido en 2019, suspendido tras a invasión rusa.

Comentarios