A Axencia do Medicamento da UE insiste en recomendar AstraZeneca

Continúa a avaliación pormenorizada dos efectos da vacina por parte dos organismos internacionais.
EuropaPress_3608591_16_march_2021_austria_vienna_l-r_slovenian_prime_minister_janez_jansa
photo_camera Os primeiros ministros de Eslovenia, Bulgaria e Austria, onte, criticaron o reparto das vacinas na UE (Foto: Georg Hochmuth / APA)

A Axencia Europea do Medicamento (EMA) continúa "firmemente convencida" de que os beneficios da vacina de AstraZeneca contra a Covid superan os riscos e polo momento non atopou "indicios" que demostren que os casos de trombose rexistrados estean relacionados coa administración.

Así o asegurou hoxe a directora xerente da EMA, Emer Cooke, nunha conferencia de prensa en que explicou que o organismo está a avaliar "en profundidade" os casos detectados para determinar se efectivamente están relacionados coa vacina de AstraZeneca ou é unha "coincidencia".

Actualmente traballan con expertos hematólogos e coa Axencia Reguladora de Medicamentos e Productos Sanitarios do Reino Unido (MHRA) para ofrecer unha conclusión definitiva esta quinta feira. 

Non obstante, Cooke repetiu a mensaxe que a institución trasladou xa en varias ocasións desde que a semana pasada varios países informaron sobre casos de trombose en persoas inoculadas previamente coa vacina e unha ducia deles, entre estes Alemaña, Francia, Italia e España, paralizasen temporalmente a vacinación. 

Estas suspensións podería atrasar o prazo ao que se comprometeu a Comisión Europea, de inmunizar 70% da poboación adulta antes de rematar o verán. 

Porcentaxes similares 

Tamén a OMS mantivo hoxe unha reunión para analizar "máis a fondo" a seguridade da vacina. A organización dixo estar en "contacto estreito" coa EMA e anunciou que esta semana  haberá "máis noticias" ao respecto. 

Ao igual que a axencia europea, a OMS insistiu en que "non hai razón para non usar" o fármaco. "Hai persoas que morren todos os días, polo que é normal que haxa persoas que fosen inmunizadas e morran. Os informes dispoñíbeis até agora non estabelecen unha relación directa cos trombos xa que a porcentaxe se observou tamén entre a poboación xeral", dixo a pasada sexta feira.

Queixas  polo reparto

Por outra banda, os xefes de Goberno de Austria, Bulgaria, Eslovenia, República Checa, Croacia e Letonia ─estes dous últimos de maneira virtual─ pediron logo dun cume conxunto un "mecanismo de corrección" na distribución de vacinas á UE.

O grupo enviou unha carta á presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, e ao presidente do Consello Europeo, Charles Michel, onde solicitan un mecanismo distinto para repartir as vacinas entre os Estados.

Porén, tras ser preguntado polos xornalistas acerca de máis detalles, o primeiro ministro austríaco, Sebastian Kurz, recoñeceu que a situación "non é fácil de resolver" e evitou dar respostas concretas, informou a axencia de noticias austríaca APA.

Kurz leva semanas denunciando que a Comisión Europea non está a ter en conta o criterio poboacional na distribución. Ademais, criticou os Estados da UE que fixeron adquisicións de forma bilateral, como Hungría e Eslovaquia, situación que comparou cun "bazar de vacinas".

Pola súa banda, o primeiro ministro búlgaro, Boyko Borisov, criticou o incumprimento das farmacéuticas e remarcou que seguiron os consellos chegados de Bruxelas á hora de non comprar "vacinas rusas ou chinesas".

Sputnik V

Neste sentido, o director do centro ruso Gamaleya, Alexander Guintsburg, afirmou onte que a vacina rusa que producen, a Sputnik V, protexe contra a variante británica do SARS-CoV-2. Con todo, precisou que os exames que se levaron a cabo até agora son "experimentais". 

Comentarios