Alemaña, Francia, Italia e España deciden suspender a vacinación con AstraZeneca

Cadea de suspensións na UE malia as recomendacións da EMA e da OMS.
EuropaPress_3553067_08_february_2021_england_leeds_national_health_servicenhs_employee_stands
photo_camera Centro de vacinación en Leeds. O Reino Unido dixo estar tranquilo (Foto: Danny Lawson / PA Wire)

Como fichas de dominó foron caendo un detrás de outro os catro Estados máis poboados da UE. Alemaña, Francia, Italia e España anunciaron hoxe a suspensión da vacinación contra a Covid-19 con AstraZeneca como medida de precaución tras se rexistraren nos últimos días posíbeis casos de efectos secundarios graves, como trastornos de coagulación.

A semana pasada, a axencia nacional de saúde de Dinamarca, primeiro país en anunciar unha decisión deste tipo, recoñecía que "de momento" non se estabelecera unha relación causal. Pouco despois a Axencia Europea do Medicamento (EMA) recomendou "seguir administrando" a vacina de AstraZeneca na UE. 

Tamén desde a OMS afirmouse que "non hai razón para non utilizar" este fármaco. Tanto na EMA como na OMS atribuíron as suspensións ao "principio de precaución" á espera de estudos máis extensos. O da EMA está previsto para hoxe, día en que tamén se reunirá a OMS. 

O ministro de Saúde de Alemaña, Jens Spahn, un dos máis sinalados negativamente nas enquisas pola xestión da crise sanitaria, afirmou que a pesar de que o risco de coágulos era baixo, non podía ser desbotado. "Esta é unha decisión profesional, non política", dixo.

Francia apelou ao informe que hoxe publicará a EMA para suspender a vacinación. O mesmo argumento dado por Italia para esta medida "temporal e de precaución". As autoridades do Piemonte e de Sicilia requisaron miles de doses tras o falecemento de tres persoas. Unha dun infarto e outra 12 días despois da inoculación, no caso da illa. No terceiro caso, na rexión setentrional italiana, non se informou da causa da morte e onte aínda se investigaba se había relación coa vacina.

"Desconcertante"

No Reino Unido aseguraron non ter preocupación. Tampouco en Polonia, que cre que os beneficios son maiores aos riscos. Segundo datos da EMA, a data de 10 de marzo había un total 30 casos de trastornos de coagulación de entre os cinco millóns de persoas vacinadas con AstraZeneca nos 30 Estados que fan parte do Espazo Económico Europeo.

Desde a OMS volveron pedir os países que non suspendan a vacinación. "A día de hoxe, non hai probas de que os incidentes estean causados pola vacina e é importante que as campañas de vacinación continúen para podermos salvar vidas e frear a enfermidade severa do virus", sinalou un portavoz da organización.

Michael Head, investigador xefe en saúde da Universidad de Southampton, sinalou en SMC que a suspensión era "desconcertante" ante os datos, e que aumentará o rexeitamento á vacinación.

Comentarios