A OMS di que "non hai razón para non usar" a vacina de AstraZeneca

Sostén que non se probou relación causal entre a vacina e as afecciones descritas, que levaron a varios países a suspender a vacinación.
EuropaPress_3602131_12_march_2021_thailand_bangkok_box_of_the_astrazeneca_vaccine_is_seen_in
photo_camera Varios países suspenderon a inoculación coa vacina anglosueca (Foto: Chaiwat Subprasom / SOPA)

A Organización Mundial da Saúde (OMS) atribuíu ao principio de precaución a decisión dalgúns países de suspender temporalmente o uso da vacina de AstraZeneca contra a Covid-19, ante a sospeita de que algunhas persoas que recibiran a dose dese preparado presentaron trastornos de coagulación. A OMS recordou que a medida, adoptada principalmente en Europa, afecta un lote específico.

Margaret Harris, portavoz da entidade, dixo onte que "non hai razón para non utilizar" a vacina de AstraZeneca, e que polo tanto "si, deberiámola seguir utilizando". Dinamarca, Islandia e Noruega, entre outros, anunciaron na quinta feira a suspensión das inxeccións da fórmula, invocando o principio de "precaución". Bulgaria, Romanía ou Tailandia fixeron o mesmo na xornada de onte.

A axencia nacional de saúde danesa, a primeira en anunciar a decisión, falou de precaución ante "casos graves de coágulos en persoas vacinadas", aínda que "de momento" non se estabeleceu unha relación causal. 

A principios de semana, Austria deixou de administrar un lote da vacina após unha enfermeira de 49 anos morrer por "graves trastornos de coagulación" días despois de ser inoculada.

Sen relación causal

Harris reiterou que non se probou relación causal entre a vacina e as afecciones descritas, e que a suspensión "se decidiu como medida de precaución en tanto se realiza unha investigación completa". A funcionaria lembrou ademais que a Axencia Europea do Medicamento (EMA) tampouco atopara indicios que de que a inoculación  fose causante dos trastornos.

"A vacinación contra a Covid-19 non reduce as mortes por outras causas. Os eventos tromboembólicos ocorren na poboación, así que non está claro se isto é algo que de todos os modos ía ocorrer ou se había algunha relación" coa vacina, comentou. 

A OMS afirma que se aplicaron 268 millóns de doses de distintos laboratorios, e non ocorreu nin unha soa morte que se comprobase que tivese relación con algunha destas vacinas. 

Comentarios