First Movers, a ecléctica alianza de Austria, Dinamarca e Israel na loita contra a Covid

O chamado "chauvinismo de vacinas", é dicir, mirar primeiro pola inoculación da poboación do país propio no canto dunha estratexia coordinada e progresiva a nivel global, está a provocar fisuras tamén dentro da UE. A lentitude no reparto e certificación de novos fármacos está a levar os Estados a buscar alternativas.
EuropaPress_3422918_handout_10_november_2020_israel_jerusalem_israeli_prime_minister_benjamin
photo_camera Reunión virtual do First Movers, en maio de 2020, con Netanyahu en primeiro plano e Kurz no monitor (Amos Ben Gershom / GPO)

"Estou contento de que Ursula Von der Leyen [a presidenta da Comisión Europea] tomase tan axiña a iniciativa de conseguir a vacina para a UE. Mais témonos que preparar con tempo para próximas mutacións perigosas da Covid-19", escribía esta terza feira, 2 de marzo, no Twitter o presidente do Goberno austríaco, Sebastian Kurz. 

E explicábase: "Os expertos agardan que nos próximos anos teñamos que vacinar dous terzos da poboación, é dicir, máis de seis millóns de austríacos cada ano. Coa vacinación volveremos á normalidade no verán. Mais a pandemia continuará a manternos ocupados con diversas mutacións durante moito tempo". "Polo tanto, queremos traballar de forma estreita con Dinamarca e con Israel no desenvolvemento e produción de vacinas", engadía.

Austria e Dinamarca son membros do First Movers Group ("grupo dos que actúan primeiro") e non dependerán de Bruxelas no futuro para adquirir vacinas contra a Covid. O First Movers Group foi fundado polo propio chanceler austríaco (do conservador Partido Popular, ÖVP) na primavera de 2020, ao comezo da pandemia. 

Kurz e Netanyahu

Austria foi un dos primeiros Estados da UE en fechar as fronteiras e impor un confinamento nacional. Iso malia que a taxa de mortalidade era moi inferior á rexistrada noutros Estados da UE como España ou Reino Unido. Decisión censurada pola propia Von der Leyen ao considerar que ía en contra da libre circulación dentro do bloque comunitario.

Kurz ─que aposta pola liña dura contra a inmigración e xa gobernou coa extrema dereita─ defende que esta capacidade e efectividade para fechar fronteiras foi chave na contención do coronavirus. E alentado polo primeiro ministro de Israel, Benjamin Netanyahu, ─con quen ten unha relación de amizade desde que foi ministro de Exteriores austríaco (2013-2017)─, decidiuse a fundar o First Movers canda a outros Estados que mantiveran por unha razón ou outra a Covid-19 baixo control.

O ecléctico grupo, que en circunstancias normais non tería relación política ou económica estreita, confórmano desde maio do ano pasado cinco países europeos: Austria, Dinamarca, Grecia, Noruega e República Checa; e tamén Australia, Israel, Nova Celandia e Singapur. Naquela altura, en tanto que Estados como Italia ou Francia xa sumaban ducias de miles de mortos, nestes países non chegaban ao medio milleiro ou apenas eran unha vintena, como no caso de Nova Celandia. 

O obxectivo era compartir as experiencias e pór sobre a mesa posíbeis estratexias para conter o virus, reactivar a economía e desenvolver e distribuír a vacina. Segundo informaba o xornal austríaco Der Standard (progresista), Netanyahu propuxo entón a Austria a compra conxunta de vacinas, mais foi rexeitada para respectar a estratexia conxunta impulsada desde Bruxelas.

Nun comunicado enviado na terza feira a APA, a axencia estatal de noticias austríaca, Kurz recoñecía que ese plan inicial foi "correcto", mais criticaba que "a EMA [a Axencia Europea do Medicamento] é demasiado lenta na aprobación das vacinas e créanse funís na subministración por parte das empresas farmacéuticas". Isto, sumado ao éxito de Israel na inoculación da súa poboación ─grazas á súa capacidade económica, ao seu limitado número de habitantes nunha área pequena e á súa potente sanidade pública─, alentou a Kurz, de 34 anos de idade, a dar o paso.

No Die Press (conservador) salientaron a resposta da Comisión Europea á vontade de Kurz de non querer depender de Bruxelas. O portavoz Eric Mamer sinalou que desde o Executivo comunitario queren aprender desta alianza entre Austria, Dinamarca e Israel, e que a iniciativa non entra en competencia coa estratexia conxunta da UE, senón que a reforza. 

Viaxe a Tel Aviv

O xornal tamén informou de que o premier austríaco viaxará hoxe a Tel Aviv para se reunir coas autoridades israelís. Uniráselle mañá a primeira ministra de Dinamarca, Mette Frederiksen (do Partido Socialdemócrata, Socialdemokraterne), que tamén foi crítica co programa de vacinación da UE. "Non creo que se poida manter por si só, porque necesitamos incrementar a capacidade. Esa é a razón de que teñamos a sorte de iniciar unha colaboración con Israel", recolleu DR, a radiotelevisión pública danesa.

As vacinas rusas e chinas chegan polo Leste

Preguntado polas novas críticas á estratexia de inoculación de Bruxelas ─tamén desde Polonia─, o portavoz da Comisión aclarou que os Estados membros poden usar vacinas fóra da carteira da UE. Por exemplo, Eslovaquia converteuse nas últimas horas no segundo país ─despois de Hungría─ en recibir doses da rusa Sputnik V (en total 200.000, dos dous millóns encargados), malia non estar aínda aprobada na UE. Neste sentido, desde Bruxelas insistiuse en que se segue a apostar pola seguridade e pola eficacia das vacinas, algo que require a certificación da EMA

En todo caso, pouco a pouco máis países buscan alternativas, especialmente os do Leste, e concretamente os catro do grupo de Visegrado, que miran cara a Rusia e cara á China. A República Checa, coa infección máis alta a nivel mundial, tamén valora adquirir doses da Sputnik V. E Hungría recibiu xa a vacina chinesa desenvolvida por Sinopharm, coa que o primeiro ministro, Viktor Orbán, se inoculou o domingo (na imaxe).

Comentarios