A Audiencia española obriga García-Castellón a interrogar a popular Cospedal

O ex ministro de Interior do PP reclama incluír a forza conservadora na 'Kitchen'.
María Dolores de Cospedal en 2022. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera María Dolores de Cospedal en 2022. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

A sección terceira da Audiencia Nacional española ordenou hoxe nunha resolución dirixida ao xuíz Manuel García-Castellón que cite a declarar a ex secretaria xeral do Partido Popular (PP), María Dolores de Cospedal, e o ex comisario da Policía española José Manuel Villarejo.

Todo isto na causa que investiga as presións ao ex tesoureiro dos conservadores, Luis Bárcenas, e ao seu antigo avogado, Javier Gómez de Liaño, para evitar filtracións sobre  posíbeis delitos da formación.

Un xuíz achegado ao PP

García-Castellón, vinculado en distintas ocasións co PP, xa tratou de fechar as indagacións, até que en febreiro deste ano a Sala do Penal obrigoulle a manter as investigacións activas.

A resolución da Audiencia Nacional indica que Cospedal e Villarejo, amais doutras dúas testemuñas, “puideron participar en reunións e situacións” que lles terían permitido “coñecer directamente” os feitos, polo que poderían achegar “información relevante”.

Este proceso forma parte do caso 'Kitchen', que aborda unha presunta operación do Ministerio do Interior durante os mandatos de Mariano Raxoi (PP) para roubar información que puidera prexudicar a forza conservadora española nas mans de Bárcenas cando estaba en prisión. Bárcenas foi condenado, entre outros delitos, polo pago co diñeiro da caixa B do PP das obras na súa sede.

Fernández Díaz pide incluír o PP en 'Kitchen'

O ministro de Interior entre 2011 e 2016, Jorge Fernández Díaz (PP), que está imputado polo caso 'Kitchen' e para o que a Fiscalía reclama 15 anos de prisión, sumouse hai 24 horas á petición do PSOE de que o PP sexa incluído no xuízo oral como partícipe a título lucrativo, salientando que é unha medida “obvia, coherente e necesaria”.

Comentarios