Bárcenas afirma que Raxoi foi quen ordenou a operación Kitchen

O ex tesoureiro do PP Luis Bárcenas sinalou hoxe no Congreso, no marco da súa comparecencia na comisión de investigación da operación Kitchen, que entende que o operativo custeado con fondos públicos reservados para substraerlle información sensíbel para o PP foi ordenado por Mariano Raxoi.
O ex presidente do Goberno español, Mariano Raxoi. (Foto: Europa Press)
photo_camera O ex presidente do Goberno español, Mariano Raxoi (Foto: Europa Press)

O ex tesoureiro do PP, Luis Bárcenas, iniciou onte a rolda de  comparecencias na comisión do Congreso que investiga operación Kitchen, que implica a suposta utilización de fondos públicos reservados no Ministerio do Interior do Goberno de Mariano Raxoi para obstaculizar causas que afectasen dirixentes populares e protexer o partido.

Desde o cárcere de Soto del Real (Madrid), o ex tesoureiro presentouse ante os deputados nunha conexión telemática, logo de ter ratificado nas pasadas semanas ante a xustiza a existencia da contabilidade B dos populares e que "o PP de Mariano Raxoi" ordenou a operación policial para roubarlle as probas sobre a caixa B que o proio ex tesoureiro tiña canda el.

Esta cuarta feira, no Congreso afondou na cuestión, e dixo que, aínda que se tratar dunha "especulación", entende que ese operativo destinado a subtraerlle información sensíbel para o partido partía de Raxoi. 

Bárcenas, a preguntas do deputado socialista Felipe Sicilia, indicou que o secretario de Estado de Seguridade en 2013, Francisco Martínez, non tiña interese persoal en ordenar seguimentos contra a súa persoa e que, por tanto, debía contar co apoio do seu superior xerárquico, o entón ministro de Interior, Jorge Fernández Díaz.

"Seguindo coas suposicións", sinalou Bárcenas, a Fernández Díaz o encargo da  Kitchen faillo a persoa "de quen dependía". Nese momento, Sicilia preguntou se falaba de Raxoi ao que respondeu que así o cre.

O ex tesoureiro insisitu ademais en que no xuízo da Audiencia Nacional ficará probada a reposnabilidade do PP na caixa B. "Son os papeis do PP, non os meus papeis", exclamou, afirmando  "que non entra na cabeza de ninguén que o xerente do partido poida crear unha estrutura desas características sen o control de ninguén".

Bárcenas, que espreme o cerco da responsabilidade sobre a contabilidade paralela ao redor da etapa de Raxoi, insistiu en salvar dúas persoas distanciadas do político galego: Esperanza Aguirre, que "en ningún caso" figura nos papeis porque "non ten nada que ver coa sede central do partido"; e José María Aznar, "que non figura nas anotacións miñas".

O ex tesoureiro confirma que gravou Raxoi destruíndo papeis da caixa B

"Hai algunha gravación que demostre que [Mariano] Raxoi destruíu os papeis da contabilidade que vostede lle entregou?", preguntou onte no Congreso o deputado do o PSOE Felipe Sicilia ao ex tesoureiro do PP Luis Bárcenas. "Iso é así, pero descoñezo agora quen ten esta gravación... graveino eu, evidentemente. Así sucedeu", respondeu Bárcenas.

"Declarei ao xuíz que non o gravara porque non podía acreditar que existía esa gravación", engadiu. Desta maneira, insistiu na declaración xa dada por el mesmo na Audiencia Nacional en que relatou, como acusado no xuízo pola caixa B do PP, a conversa que mantivo con Mariano Raxoi no despacho deste, na que o ex tesoureiro lle amosou varias follas da contabilidade B do partido. Raxoi tería reaccionado ao ver os documentos, destruíndoos nunha trituradora de papel.

Comentarios