Xustiza

A AN corrixe o xuíz da 'Kitchen': deberá interrogar Cospedal e Villarejo polas presións a Bárcenas

O ex ministro Jorge Fernández Díaz demandou ao xuíz instrutor que no auto de apertura de xuízo oral se inclúa o PP como partícipe a título lucrativo.
A ex secretaria xeral do PP, María Dolores de Cospedal. (Foto: Europa Press)
photo_camera A ex secretaria xeral do PP, María Dolores de Cospedal. (Foto: Europa Press)

A Audiencia Nacional corrixiu o xuíz que investiga as supostas presións ao ex tesoureiro do Partido Popular Luis Bárcenas e mais o seu antigo avogado, Javier Gómez de Liaño, e instouno a tomar declaración á ex ministra e ex secretaria xeral da formación conservadora María Dolores de Cospedal, así como ao comisario xubilado José Manuel Villarejo, como testemuñas. A través dun novo auto, a Sala do Penal estima o recurso presentado por Gómez de Liaño contra a decisión do maxistrado do pasado mes de xuño, cando rexeitara citar Cospedal e Villarejo ao consideralos unicamente como "testemuñas de referencia" e non apreciar a "necesidade e utilidade" do seu interrogatorio.

Agora, a Sala corrixe o titular do Xulgado Central de Instrución Número 6 e emprázao a escoitar ambos os dous en sede xudicial, precisando que o feito de "que non interviñesen nas conversas gravadas non os coloca" nunha posición de referencia se, "como se sinala polos intervenientes e reflicte nas notas, estiveron en reunións, situacións ou outras circunstancias que lles permitiron coñecer directamente os feitos investigados".

Neste punto, os maxistrados refírense á decisión do xuíz que, na resolución pola que rexeitou chamar Cospedal e Villarejo, decidiu citar o letrado Javier Iglesias. "Do mesmo modo que a persoa que tampouco participou nas conversas e cuxa declaración foi admitida poderían achegar información relevante acerca dos feitos, o que converte ás dilixencias denegadas en útiles e necesarias", apostila a Sala.

Alén da citación de senllas testemuñas, os maxistrados tamén emprazan o instrutor a que tome declaración aos avogados José AlisteÓscar Jiménez de la Rubia. Todo iso no marco desta causa na que o xuíz do 'caso Villarejo' investiga as presuntas presións exercidas sobre Bárcenas e o propio Gómez de Liaño para que non se publicasen informacións sobre o PP vinculadas á trama 'Gürtel'.

Que compareza o PP, "obvio e necesario"

Esta decisión coñécese un día despois de que a defensa do tamén ex ministro Jorge Fernández Díaz, procesado tamén pola súa presunta implicación na 'Kitchen', demandase ao xuíz instrutor que no auto de apertura de xuízo oral se inclúa o PP como partícipe a título lucrativo, unha medida que considerou como "obvia, coherente e necesaria".

A representación de Férnandez Díaz, dirixida por Jesús Mandri, indicou nun escrito que do relato facticio dos escritos de acusación se desprende que "a orixe e epicentro dos feitos presuntamente delituosos foi a espionaxe e a subtracción á familia (de Luís) Bárcenas [ex tesoureiro do PP] de información supostamente prexudicial para os intereses do PP, sempre no seu beneficio e utilizando para tal fins fondos reservados".

A orixe da investigación

A presente peza 36 da macrocausa 'Tándem' abriuse por mor da inhibición do Xulgado de Instrución 2 de Marbella acordada tras unhas dilixencias nas que se ordenou a entrada e rexistro no domicilio de Halit Sahitaj e Jana Kleiner. Sahitaj, segundo fontes xurídicas consultadas, era unha sorte de mediador que tiña conexión co líder da mafia rusa Zakhar Kalashov.

Por mor da devandita entrada e rexistro tívose acceso polos investigadores a unha dirección de correo electrónico nas que constaban catro arquivos de audio que, en data 20 de outubro de 2014, foron remitidos, desde a dirección de correo electrónico correspondente ao despacho profesional do avogado Javier Gómez de Liaño.

Estes arquivos de audio "porían de manifesto de maneira indiciaria, un encargo realizado por terceiras persoas vinculadas ao Partido Popular a fin de conseguir, mediante presións a Luis Bárcenas e o seu letrado daquela no sumario coñecido con 'Gürtel', Javier Gómez de Liaño, que non saísen á luz informacións comprometedoras ou prexudiciais para o PP vinculadas co devandito sumario", segundo auto do xulgado de Málaga que instruíu o asunto antes de inhibirse.

Comentarios