Anticorrupción cuestiona que non se investigue a Raxoi

A Fiscalía Anticorrupción reprende o xuíz García-Castellón, do caso 'Kitchen', por rematar coas indagacións antes de confirmar os indicios de que o Partido Popular (PP) e o presidente do Executivo español en 2013, Mariano Raxoi, formaron parte da operación parapolicial para  protexer o PP.
O ex presidente estatal, Mariano Raxoi, o 17 de xullo no Congreso do PP na Galiza. (Foto: César Arxina / Europa Press)
photo_camera O ex presidente estatal, Mariano Raxoi, o 17 de xullo no Congreso do PP na Galiza. (Foto: César Arxina / Europa Press)

“Posíbel responsabilidade do presidente do Goberno” estatal naquela altura, Mariano Raxoi, no caso Kitchen -a operación parapolicial dirixida en 2013 polo Ministerio de Interior para eliminar as probas da caixa B do Partido Popular (PP) en posesión do ex tesoureiro Luis Bárcenas- que investiga a Audiencia Nacional, sostén a Fiscalía Anticorrupción.

O Ministerio Público reclamou nunha apelación perante a Sala Penal esta segunda feira que se revogue o feche da investigación, “precipitado e en falso”, que decidira o xuíz Manuel García-Castellón o pasado 29 de xullo, exonerando o PP e a súa ex secretaria xeral, María Dolores de Cospedal, e negándose a proseguir estudando a implicación de Raxoi.

No escrito remitido pola Fiscalía para continuar coas dilixencias, acúsase ao maxistrado de “rematar a toda costa a instrución sen ter en conta as necesidades materiais da mesma”, reiterando que pretende delimitar “artificialmente” a causa ao Ministerio do Interior.

Os fiscais César de Rivas e Miguel Serrano, autores do recurso, defenden que nin a indagación está completa nin os partícipes se reducen a Jorge Fernández Díaz (ex ministro de Interior de Raxoi), Francisco Martínez (ex secretario de Estado de Interior) e o ex comisario José Manuel Villarejo, imputados por García-Castellón. Para Anticorrupción, hai indicios fundados de que a “trama policial” estivo acompañada dunha “trama política”.

Isto convirte en “imprescindíbel dilucidar” se Interior “actuaba en concerto con dirixentes do partido político gobernamental, como se a trama se estendeu á captación e utilización de outros colaboradores policiais no cárcere no que Bárcenas estaba en prisión preventiva”.

Por iso e máis os datos achegados por Villarejo, consideran os fiscais que hai motivos dabondo para presupor que Raxoi como presidente do Goberno estaba o corrente da operación Kitchen.

Do mesmo xeito critican que o letrado do caso non citara a declarar a Ignació Cosidó, ex director da Policía, e que non se profunde no falso cura que secuestrou a familia de Bárcenas.

O testemuño de Cospedal na causa foi "contraditorio" e "non críbel"

Na apelación da Fiscalía Anticorrupción para reabrir a investigación do caso Kitchen, os fiscais César de Rivas e Miguel Serrano inciden en que tanto María Dolores de Cospedal, que foi ministra de Defensa e secretaria xeral do PP, como o seu marido, Ignacio López del Hierro, teñen que recuperar a condición de imputados.

A súa participación “non é unha mera hipótese”, sinala Anticorrupción, que destaca que a comparecencia de Cospedal “non resultou críbel”, amais de ser “abertamente contraditoria” coa do seu xefe de gabinete, Juan José Ortiz.

A ex secretaria xeral xuntouse co ex comisario Villarejo en máis ocasións das que confesou, “para obter información das responsabilidades que para o PP puidesen presentar as declaracións” do ex tesoureiro, indicou Ortiz.
 

Comentarios