23-X

Feixoo busca este domingo relevar Sánchez da man da ultradereita

Os medios internacionais alertan da potencial chegada ao poder da extrema dereita de Vox tras as eleccións no Estado español deste domingo, cuns efectos que se sentirían tamén na UE. Nun escenario aínda aberto, as sondaxes outorgan un papel chave ao resultado que obteñan as forzas soberanistas.
O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, no feche de campaña do PSOE, a sexta feira en Xetafe, Madrid. (Fotos: Ricardo Rubio / Europa Press)
photo_camera O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, no feche de campaña do PSOE, a sexta feira en Xetafe, Madrid. (Fotos: Ricardo Rubio / Europa Press)

O domingo están en xogo 350 asentos no Congreso e 208 no Senado do Estado español, nuns comicios nos que o presidente Pedro Sánchez, do PSOE, busca sumar coas forzas progresistas e soberanistas suficientes escanos para manter un Executivo que nos últimos tres anos e medio compartiu con Unidas Podemos, organización que ficou nestas eleccións integrada xunta outras formacións dentro de Sumar, que está encabezado pola vicepresidenta segunda e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz.

Porén, a maioría das enquisas coinciden en que o conservador Partido Popular (PP), que presenta como candidato á Presidencia a Alberto Núñez Feixoo, conta con moitas posibilidades de obter a primeira praza. Así e todo, para gobernar precisaría facerse no mínimo con 176 escanos na Cámara Baixa onda a forza ultraespañolista Vox, posto que os traballos demoscópicos non garanten que as outras formacións que lle poderían brindar o seu apoio, Coalición Canaria ou Unión do Pobo Navarro, vaian lograr representación.

Precisamente este aspecto, a entrada de Vox nun potencial Executivo de coalición co PP, é o que protagonizou unha parte importante da cobertura que os medios internacionais están a facer sobre as eleccións xerais, incidindo na “posibilidade de que a extrema dereita ingrese ao Goberno español por primeira vez desde a morte do ditador Francisco Franco”, publica Politico. Nesta situación, o Estado español sería xa o sexto da Unión Europea (UE) coa ultradereita no Gabinete, após Italia, Polonia, Hungría, Letonia e Finlandia. De feito, estas eleccións “marcarán a pauta en toda a UE antes das eleccións ao Parlamento Europeo do próximo ano”, sostén, todo isto no marco do “cortexo” por parte do Partido Popular Europeo “ás forzas de extrema dereita”. Un cambio gobernamental en Madrid “empurraría o centro de gravidade da UE tamén cara á dereita”, o que xeraría “efectos colaterais para todo, desde a política climática á migración”.

Para xornais como The Guardian, o pacto entre PP e Vox é moi posíbel no caso de alcanzar a maioría absoluta, lembrando os Gobernos que xa comparten en Castela e León, Estremadura ou o País Valencià, ao tempo que fai fincapé en que, malia o suposto intento de trasladar moderación que pretende transmitir, “Feixoo e parte do seu séquito amosáronse máis que dispostos a facer tratos con Vox e usar o tipo de tácticas máis queridas polos líderes populistas que polos autoproclamados moderados”. Arredor desa cuestión, France24 afirma que o candidato de Vox, Santiago Abascal, “está agora na cúspide do que sería a súa maior vitoria, converterse en vicepresidente e colocar algúns dos seus compañeiros de liña dura en roles ministeriais”, aínda así, isto sería no contexto dunha redución de escanos segundo as sondaxes.

Esta posibilidade espertou a preocupación de axencias como Reuters, que cuestionou se “están en xogo os dereitos LGBT nas eleccións españolas?”, recollendo as denuncias das entidades LGBT que alertan dun posíbel retroceso de catro décadas que non ficaría só neste ámbito, pois o plan do candidato da extrema dereita, Santiago Abascal, é “derrogar as leis progresistas sobre os dereitos das persoas transxénero, o aborto e os dereitos dos animais, xunto coa loita contra o cambio climático”. Asemade, quere “expulsar os migrantes ilegais e o bloqueo naval para impedir a súa chegada”.

Este tema foi abordado a raíz da lona pendurada en Madrid por Vox botando ao lixo bandeiras que representaban a comunidade LGBT, o soberanismo catalán, o movemento feminista ou o comunismo, nunha campaña electoral centrada na capital do Estado español.

Riscos para os territorios

Esta ameaza afecta especialmente a Galiza, Catalunya e Euskal Herria, subliña Al Jazeera, que lembra a proposta de Vox de prohibir a través dun referendo todos os partidos políticos independentistas. A isto hai que engadir a súa intención de centralizar o Estado e limitar competencias aos territorios. “Os cataláns temen que a dereita tome o poder”, recalca o medio árabe, que pon o foco en que “até as revistas en catalán nas bibliotecas públicas están en perigo de desaparecer”, en alusión á decisión dun edil de Vox que entrou a gobernar nunha vila valenciana de eliminar as subscricións a estas publicacións.

O risco dun Executivo con Vox está a marcar a campaña en Catalunya, e influíu na decisión das bases da Assemblea Nacional Catalana, unha entidade independentista que propuxo a abstención en defensa da soberanía de Catalunya, que rexeitaron a proposición da dirección. En Euskal Herria, EH Bildu tratará de consolidar o sorpasso ao Partido Nacionalista Vasco (PNV) que conseguiu nas eleccións municipais de maio, e que lles podería abrir a porta da Lehendakaritza en Euskadi nos próximos comicios. Entre as forzas soberanistas no Estado español, só EH Bildu e o Bloque Nacionalista Galego (BNG) medran en estimación de voto segundo o Centro de Investigacións Sociolóxicas.

Na Galiza, Catalunya e Euskal Herria, a media das distintas enquisas publicadas destaca que na única circunscrición na que o ultraespañolismo podería obter representación é na de Barcelona. Ademais, na maioría das demarcacións provinciais destes territorios na loita polos últimos escanos compiten as forzas soberanistas e o PP, o que podería ser determinante na gobernabilidade do Estado español.

Fraude electoral

Asemade, a nivel internacional tamén se abordou a conspiración apoiada por Feixoo deixando entrever que a limpeza dos comicios estaba en dúbida, algo que xa trasladara en eleccións galegas ou antes das municipais de maio, pola carga de traballo de Correos nunhas votacións nas que o sufraxio por correo alcanzou unha nova marca, con 2,6 millóns de solicitudes.

Campañas nas redes sociais difundiron vídeos que supostamente amosaban urnas que estaban sendo enchidas previamente, ou testemuños de presuntos plans de roubos electorais para evitar a derrota das forzas progresistas e soberanistas. A entidade non gobernamental Reset indicou que publicacións nas redes sociais con mensaxes de odio ou teorías de conspiración electoral foron vistas case 100 millóns de veces desde xaneiro.

AP salienta as similitudes dos anuncios electorais de carácter anti inmigrante de Vox co “discurso de odio en liña dirixido aos inmigrantes e residentes musulmáns”, que vive unha “recente repunta” no Estado español, e afirma que as acusacións de “fraude electoral” foron “amplificadas polos partidarios do PP e de Vox”.

As forzas territoriais, decisivas

Na pasada lexislatura, iniciada en 2019, as forzas territoriais conseguiron o maior número de escanos da historia da democracia. Segundo a última enquisa publicada polo Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), formacións políticas como BNG, ERC, EH Bildu, Junts, PNV, Coalición Canaria, CUP ou Teruel Existe conseguirían até 31 escanos en total, unha cifra que situaría estas forzas como clave para evitar a conformación dun Goberno estatal integrado polo Partido Popular e polo ultraespañolista Vox.

Comentarios