Arévalo asume o poder e fracasa o golpe de Estado en Guatemala: "Chega unha nova primavera"

A dereita e a extrema dereita atrasaron a cerimonia.
Bernardo Arévalo, hoxe. (Foto: Fernando Chuy / Zuma Press / Contactophoto)
photo_camera Bernardo Arévalo, hoxe. (Foto: Fernando Chuy / Zuma Press / Contactophoto)

Máis de 10 horas despois do momento previsto, o progresista Bernardo Arévalo foi investido na mañá de hoxe -hora da Galiza-, como novo presidente de Guatemala canda Karin Herrera, flamante vicepresidenta.

A súa toma de posesión acabou cos intentos do ‘pacto de corruptos’, como se denomina no país ao grupo formado por forzas conservadoras, de extrema dereita, militares, empresarios e narcotraficantes que controlaban as principais institucións do Estado, de evitar que Arévalo, primeiro líder progresista do país en máis dunha década, se fixera co poder, nunha operación iniciada a finais de xuño, cando o candidato do Movemento Semente accedeu na primeira volta das presidenciais á fase final, na que se impuxo en agosto con máis de 60% dos sufraxios á conservadora Sandra Torres.

Tentativa de sublevación

O último intento para levar a cabo un intento de golpe de Estado denunciado por Arévalo en reiteradas ocasións, e que levou a máis de tres meses de mobilizacións de organizacións sociais e indíxenas para evitalo, desenvolveuse durante a sesión para que as lexisladoras e lexisladores tomaran posesión do seu cargo e elixiran a nova dirección no Congreso, un proceso que ten que decorrer antes da transición presidencial.

O órgano, no que as formacións de dereita e ultradereita tiñan no anterior período -e manteñen neste- a meirande parte dos asentos, impediu durante horas que as e os membros do grupo parlamentario do Movemento Semente, que suma 23 dos 160 escanos, xurasen o cargo tras demandalo a Fiscalía, que encabezou a tentativa de sublevación, así como a conformación dunha nova Xunta Directiva. Finalmente, o progresista Samuel Pérez foi elixido novo presidente do lexislativo.

Amais, o xa ex presidente, o conservador Alejandro Giammattei, negouse a acudir ao Teatro Nacional -onde se produciu o traspaso de poderes- e enviou a banda e outros símbolos presidenciais ao Congreso, que en última instancia foron entregados a Arévalo por Pérez.

Unha "nova primavera"

Na súa intervención unha vez investido como mandatario, Arévalo insistiu en que "non permitiremos que as nosas institucións se dobreguen outra vez ante a corrupción e a impunidade", arremetendo contra o autoritarismo, e prometeu unha “nova primavera” en alusión á ‘primavera democrática’, marcada polas reformas socioeconómicas desde a Presidencia de Juan José Arévalo, o seu pai, e Jacobo Árbenz, liquidadas por un golpe de Estado impulsado polos Estados Unidos en 1954.

Comentarios