O voto nulo foi a opción maioritaria nas eleccións presidenciais de Guatemala

Torres e Arévalo disputaranse a Presidencia o próximo 20 de agosto.
Unha muller pensa o seu voto en Guatemala. (Foto: Ulises Rodríguez / Contacto vía Europa Press)
photo_camera Unha muller pensa o seu voto en Guatemala. (Foto: Ulises Rodríguez / Contacto vía Europa Press)

Superando 17% dos votos, o sufraxio nulo impúxose na primeira rolda dos comicios presidenciais en Guatemala do domingo, revelaron os datos difundidos esta segunda feira. Este voto foi promovido por Thelma Cabrera, líder do Movemento para a Liberación dos Pobos, e outras tres candidaturas ás que se lle impediu participar nas eleccións. Así e todo, o voto nulo non supera o 50% que require a lexislación para obrigar a que se repitan as votacións.

Con case 98% escrutado, o organismo electoral confirmou que pasan á segunda volta das presidenciais Sandra Torres, da Unión Nacional da Esperanza -formación progresista na súa orixe mais na actualidade no campo conservador-, e o progresista Bernardo Arévalo, do Movemento Semente, con 15,8% e 11,8% dos votos respectivamente. A participación foi de 54% do censo.

A principal sorpresa da xornada foi o resultado de Arévalo, que ocupaba a oitava praza nas enquisas divulgadas antes dos comicios e fixo fincapé na loita contra a corrupción. O analista guatemalteco Renzo Rosal explicou o seu nivel de voto polo "esgotamento do sistema político, que xa creou tal nivel de cansazo que a poboación quixo votar pensando en algo diferente".

Pola súa parte, Torres, que aspira a converterse na primeira presidenta do país, concorrerá o 20 de agosto nunha segunda volta electoral por terceira vez, após imporse nas anteriores candidaturas máis conservadoras.

Durante a xornada electoral foron denunciadas irregularidades en centros electorais de cando menos cinco concellos, en incidentes que inclúen desde ameazas a funcionarios electorais por parte de grupos armados, carrexar votantes ou queima de papeletas.

Comentarios