Bernardo Caal, activista q'eqchi' encarcerado por frear encoros de Florentino Pérez: "Polo ben das futuras xeracións debemos organizarnos e loitar"

De 2017 a 2022, Bernardo Caal, guatemalteco do pobo orixinario maia q'eqchi', estivo preso logo de liderar a súa comunidade na defensa dos seus recursos hídricos. Amnistía Internacional denunciou que a súa detención debeuse precisamente a esa loita. Caal falou con Nós Diario antes dunha serie de conferencias na Galiza organizadas pola entidade, o que o levará a quinta feira á Coruña, a sexta a Allariz e o sábado á Pobra do Caramiñal.
O activista polos dereitos humanos Bernardo Caal na sede de Amnistía Internacional no Estado. (Foto: Europa Press)
photo_camera O activista polos dereitos humanos Bernardo Caal na sede de Amnistía Internacional no Estado. (Foto: Europa Press)

—Por que ao 'pacto de corruptos' (como se denomina en Guatemala ao grupo de forzas conservadoras, de extrema dereita, militares, empresarios e narcotraficantes que controlan o Estado) lle dá tanto medo que as comunidades defendan os seus dereitos?
Estas persoas están acostumadas a saquear para enriquecerse, sen importar os danos que poidan ocasionar ás comunidades, pero isto non é nada novo desde que teñen o control do poder, mais aguzouse cando lograron expulsar a Cicig, unha comisión [contra a impunidade] da ONU que chegou para colaborar coa Fiscalía e constatar onde está a corrupción, e atopouna no poder lexislativo, executivo, e xudicial.

Despois tomaron o control de todas as institucións do Estado e por iso neste intre están a fraguar un golpe de Estado logo de gañar un candidato presidencial [o progresista Bernardo Arévalo] que ofreceu ao pobo loitar contra a corrupción, polo que o pacto de corruptos ten medo que tome posesión, e a isto están a responder as manifestacións do pobo.

Ás comunidades non chegan os servizos públicos, non chegan os investimentos do orzamento, rouban todo o diñeiro para estradas, saúde ou vivenda, e, en alianza con empresas nacionais e internacionais, aprópianse das terras ou estenden monocultivos para as súas exportacións. Eu estiven preso por denunciar o desvío do río Cahabón ao longo de 50 km para construír hidroeléctricas, a maioría do Grupo Cobra que pertencía a ACS, de Florentino Pérez.

Cando con manifestacións e denuncias conseguimos que un tribunal suspendera as concesións, as cámaras empresariais desataron as difamacións é calumnias na miña contra até que lograron encarcerarme. O traballo de defensor dos dereitos humanos en Guatemala é moi perigoso. En definitiva, do que teñen medo é de que se lles quite dos poderes do Estado.

—177 activistas en defensa do medio ambiente foron asasinados en 2022, a que se debe que a maioría foran americanos?
Posto que existen moitos pobos orixinarios como o meu. Por cultura, dedicámonos a protexer e coidar o medio ambiente. O que nos ensinaron os avós e as avoas é o respecto e amor cara á vida, os cerros, ríos ou vales, non os destruímos porque aí está a vida, porén, o capital quérese enriquecer cos bens que nós protexemos. Neste caso, desde Madrid viaxa Florentino Pérez a Guatemala, fai as súas conexións e alianzas cos corruptos e desvían un río. É o capital estranxeiro o que vén a despoxar e saquear o que os pobos orixinarios coidamos. 

—Na Galiza e moitas partes do mundo estanse a multiplicar os movementos contra a destrución dos recursos naturais, que mensaxe lles trasladarías?
Defender os bens da vida é ter amor por nós mesmos e as futuras xeracións. Estámolo a ver co cambio climático após un uso sen control sobre o que nos dá a natureza. A obriga de cada persoa é ter conciencia e organizarse, incluso cando, como a min, nin sequera che protexe o Estado. Polo ben das futuras xeracións debemos organizarnos e loitar.

Comentarios