Aragón contará cunha tarifa eléctrica propia

Nunha comparecencia a petición propia nas Cortes aragonesas, Lambán subliñou que esta regulación será determinante para evitar que os recursos enerxéticos xerados alí sirvan para o crecemento e desenvolvemento doutros territorios.
O titular do Goberno de aragón, Javier Lambán (Foto: Cortes de Aragón).
photo_camera O titular do Goberno de aragón, Javier Lambán (Foto: Cortes de Aragón).

O presidente aragonés, Javier Lambán, adiantou este venres a tramitación dun decreto lei para dotar Aragón dun sistema enerxético propio "crucial" para ter a enerxía máis barata de todo o Esatdo, de forma que se atraia maiores investimentos e a rexión creza "máis que ninguén" grazas ás renovábeis.

A batería legal inclúe a creación dun fondo autonómico e estatal de solidariedade para compensar os territorios que soportan o impacto das instalacións, "con investimentos compensatorios".

Desenvolvemento

Nunha comparecencia a petición propia nas Cortes aragonesas, Lambán subliñou que esta regulación será determinante para evitar que os recursos enerxéticos xerados alí sirvan para o crecemento e desenvolvemento doutros territorios.

"É un desafío formidábel, hai que superar do colonialismo enerxético, tomar a iniciativa e erixirnos en axente activo da inevitábel reforma que se aveciña do sistema eléctrico español", aseverou.

Na Galiza

Este anuncio por parte do Goberno aragonés contrasta co Executivo galego que se ten negado en múltiples ocasións a reclamar unha tarifa eléctrica galega.

Segundo salientan desde o BNG, defenden “un sector enerxético público e galego para que a produción de enerxía se sitúe ao servizo da comunidade, no canto dun modelo que promove a explotación dos recursos propios por parte de empresas foráneas que deixan o territorio desfeito e os traballadores tirados unha vez esgotan o negocio”.

Comentarios