PP e PSOE rexeitan a proposta do BNG que buscaba abaratar o recibo da luz

A suba do prezo da luz mandou no debate parlamentario na Cámara galega. A sesión decorrida onte comezou coa discusión dunha iniciativa do BNG onde os nacionalistas reclamaron un novo modelo enerxético e a posta en marcha dunha tarifa eléctrica galega. Os votos de PP e PSOE uníronse para tombar a proposta.

Encoro de Cenza durante o pasado verán, cando se situaba en niveis semellantes á actualidade. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press).
photo_camera Situación do encoro de Cenza o pasado 24 de agosto (Foto: Rosa Veiga / Europa Press).

A factura eléctrica acumula alzas de 353% no último ano. Porén, o Operador do Mercado Eléctrico Ibérico (OMIE) adianta incrementos para os vindeiros días e asume un aumento continuado no prezo da electricidade até finais de 2022 ou comezos de 2023.

Neste sentido, as medidas anunciadas na noite da segunda feira polo presidente do Executivo do Estado, Pedro Sánchez dan conta do alcance do problema para particulares e negocios e avanzan un escenario moi complicado no social e no económico. A este respecto, a maior parte das persoas expertas dubidan da eficacia destas medidas e demandan alternativas estruturais

A proposta do BNG de impulsar unha reforma do sector eléctrico desde a Galiza, co obxectivo de rebaixar o prezo da luz e aproveitar as potencialidades dos territorios produtores de electricidade deberá agardar. Nun debate en que estiveron ausentes a totalidade dos membros do Goberno galego, PP e do PSdeG-PSOE rexeitaron unha iniciativa situada na liña das alternativas formuladas nas últimas semanas polo presidente socialista de Aragón, Javier Lambán, e o mandatario popular de Castela e León, Alfonso Fernández Mañueco.

A voceira do BNG, Ana Pontón, argumentou a súa proposta sinalando que “é preciso tomar medidas máis ambiciosas que supoñan unha rebaixa real da factura final a través dun recorte nas peaxes para os territorios produtores” e denunciando “un marco normativo que pon por riba o lucro das eléctricas ás necesidades das persoas”.

“Que clase de democracia é esta que permite ás eléctricas especular desa maneira co prezo da luz”, preguntouse Pontón, quen lembrou que “a Galiza é rica en electricidade pero non se beneficia diso”.

Unha tarifa eléctrica para os territorios produtores

A dirixente nacionalista salientou que “a xeración eléctrica leva aparellados elevados custos sociais e medioambientais que a lexislación debe compensar” e apostou por “unha fixación do prezo asociada á situación de territorio excedentario ou deficitario, de xeito que nos territorios excedentarios este feito repercuta positivamente mediante unha tarifa eléctrica máis reducida”.

Ao tempo, apostou por “unha tarifa industrial estábel para as grandes industrias electrointensivas, de grande importancia no noso país, e que non poden seguir dependendo dun sistema con tantas incertezas e riscos”.

O parlamentario socialista Martín Seco cuestionou os argumentos de Pontón e defendeu as medidas do Executivo de Pedro Sánchez para rebaixar o prezo da luz. Seco chamou o BNG “a deixarse de mantras soberanistas”, cualificou de “históricas” as “rebaixas na factura eléctrica” promovidas polo Goberno do Estado e amosouse convencido dos seus beneficios nun prazo “de varios anos”.

Nesta liña afirmou o compromiso da súa formación por “seguir incidindo na tarifa e no respecto polo medio ambiente”, “facer as modificación estruturais a curto prazo para que o prezo da luz non siga subindo” e “evitar a pobreza enerxética”.

A deputada popular Marta Nóvoa afirmou partillar con Pontón “a súa preocupación pola suba da luz” pero desmarcouse da alternativa dos nacionalistas, “unha proposta rupturista, que xa foi rexeitada por diferentes expertos e que sería nefasta para a Galiza”. “A tarifa eléctrica galega é nefasta”, continuou Nóvoa, quen afeou ao BNG a súa proposta dun operador público no sistema eléctrico e a “tentativa de culpar Feixoo da suba da luz”.

A parlamentaria fixo unha defensa das compañías eléctricas, destacando “os beneficios que deixan nos territorios os encoros e os parques eólicos a través dos tributos que pagan” e culpou o Goberno de Sánchez do incremento do recibo da luz. 

Comentarios