PSOE, PP, Vox e Ciudadanos rexeitan crear unha empresa eléctrica pública

O BNG votou a favor da proposta de Unidas Podemos, se ben reivindicou a creación dunha tarifa eléctrica propia para a Galiza.
Factura (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera PSOE, PP, Vox e Ciudadanos rexeitaron a proposta (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

O PSOE, o PP, Vox e Ciudadanos tombaron no pleno do Congreso a proposición de lei de Unidas Podemos (UP) para impulsar unha empresa de enerxía pública coa que xestionar as instalacións de xeración hidráulica que fosen caducando.

A proposta, por tanto, non pasou o primeiro dos filtros, o da súa admisión a trámite, e decaeu co rexeitamento do seu socio de Goberno, alén dos partidos da bancada da dereita, mais tamén do PNV, o PDeCAT, UPN e Foro Asturias. Esquerra Republicana, EH-Bildu, Más País- Equo, a CUP, Compromís, Teruel Existe e o BNG votaron a favor da tramitación da iniciativa, mentres que Junts abstívose.

A iniciativa do grupo confederal pasaba por agrupar as concesións hidroeléctricas que vaian caducando nesta compañía, crear un rexistro público para planificar esa recuperación, impulsar con ela novas instalacións de enerxía renovábel e coordinar a empresa con outras comercializadoras públicas.

Durante o debate da iniciativa, o portavoz de UP, Pablo Echenique, defendeu a necesidade de contar cunha eléctrica pública para frear un "oligopolio mafioso", xustificando a súa acusación nas multas por manipulación de prezos, o baleirado de encoros para maximizar beneficios, a imputación do presidente de Iberdrola, Ignacio Sánchez Galán, polo 'caso Villarejo' ou a ameaza de fechamento nuclear anticipado ao Goberno estatal hai uns meses.

Pola súa parte, o seu portavoz de Transición Ecolóxica, Juantxo López de Uralde, reivindicou que un ben público como a auga "sexa xestionado desde o público e para beneficio público" coa reversión destas centrais, polo que cre que a súa proposta é "de puro sentido común", lembrando que o Estado español é unha das excepcións da OCDE en non contar cunha gran enerxética pública.

O seu homólogo no PSOE e socio de Goberno, Germán Renau, defendeu que é posíbel actuar contra a pobreza enerxética e conseguir prezos máis baratos cun marco regulatorio adecuado, sen unha empresa pública, lembrando que outros países cunha grande enerxética pública superaron España nos seus prezos de electricidade. Por iso, desdeñou a proposta de Unidas Podemos como un "plan a 20 anos vista" se quere baixar os prezos.

José Alberto Ferreiro Bono, do PP, asegurou que unha empresa pública "non é, nin de lonxe, a solución" á escalada de prezos, con reversión de centrais nun prazo de entre 20 e 35 anos, unha situación na que tamén incidiu Idoia Sagastizabal, do PNV, que se preguntou se cubrir os custos servirá para garantir enerxía a un prezo asumíbel. Porén, si defenderon ambos os dous un regulamento para a enerxía hidráulica; o PP, para a súa reserva estratéxica como tecnoloxía de respaldo, e o PNV, para a súa xestión ás ordes do operador, pondo o foco non na rendibilidade, senón no momento da súa xeración.

Empresa pública galega

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, votou a prol da proposta de UP, se ben defendeu "unha regulación inmediata do sector eléctrico, unha tarifa eléctrica galega e a creación de empresas públicas. Na Galiza temos 47 centrais hidráulicas e 122 minihidráulicas xestionadas por só tres grandes empresas", apuntou.

Comentarios