Máis de 50.000 edificios con graves danos en Turquía polos sismos

41.000 persoas pereceron nos terremotos.
Cascallos dun edificio derrubado polo terremoto en Alepo, Siria, durante os traballos de busca e rescate de superviventes. (Foto: SANA / DPA)
photo_camera Cascallos dun edificio derrubado polo terremoto en Alepo, Siria, durante os traballos de busca e rescate de superviventes. (Foto: SANA / DPA)

O Ministerio de Medio Ambiente turco comunicou esta cuarta feira que 50.576 edificios colapsaron ou están gravemente danados no país por efecto dos terremotos da pasada semana, que tamén afectaron o norte de Siria, e que deixaron até o de agora máis de 41.000 persoas falecidas, a meirande parte delas en Turquía.

Estes edificios deberán ser demolidos con urxencia, salientou, despois das críticas ao Goberno de Recep Tayyip Erdogan por legalizar construcións en mal estado, o que segundo os expertos tería multiplicado os danos dos movementos sísmicos. Así e todo, fontes citadas polo xornal Yeni Safak incidiron en que será preciso construír 300.000 novas edificacións.

Á vez, foron denunciados novos casos de censura, con 78 persoas detidas por "compartir publicacións provocativas" sobre os sismos, afirmou Ancara, que xa iniciou procesos xudiciais por este motivo contra case 300 persoas.

En Siria, a Organización Mundial da Saúde fixou o noroeste do país, non controlado por Damasco, como a "maior preocupación humanitaria".

Comentarios