Dar voz á Galiza rebelde

O relato historiográfico dominante non só nega a existencia do Reino de Galiza para afirmar o carácter unitario de España desde tempos inmemoriais, senón que agocha a oposición do país ao proxecto asimilacionista de Castela para poder presentar a anexión de Galiza como un proceso non conflitivo e ao galego como un pobo submiso.
Gravado de Xosé Blanco.
photo_camera Gravado de Xosé Blanco.

O proceso de incorporación subordinado do Reino de Galiza ao espazo político castelán mereceu a contestación xeneralizada do pobo galego. Se tomamos como punto de partida do mesmo o ano 1230, momento en que o noso país é anexionado á Coroa de Castela polo rei Fernando III, comprobaremos como en sucesivas revoltas até os anos finais do século XV, a sociedade galega vaise erguer contra o sometemento e a asimilación en curso. Á volta do século XIII, defendendo os dereitos de dona Dulce e dona Sancha, as raíñas lexítimas, ao longo da seguinte centuria, apoiando a causa liderada polos Castro dunha Galiza costas a Castela, virada cara a Portugal e unida aos reinos da Europa atlántica.

Galiza chegou rebentada ao século XV. As sucesivas derrotas das rebelións galegas das centurias anteriores, a conseguinte represión das revoltas que rematou coa morte e co exilio dos seus dirixentes, o proceso de substitución das clases dirixentes autóctonas por outras alleas, non impediu que o reino seguise a existir como unha realidade diferente pero sen o peso político e o desenvolvemento económico de momentos anteriores. A necesidade de virar esta situación e a reacción fronte á alternativa centralizadora dos Reis Católicos explican a revolta que vive o Reino de Galiza nas décadas finais da Idade Media, onde destacaron pola súa loita e nalgúns casos pola súa morte Pedro Pardo de Cela, Pedro Álvarez de Soutomaior e os condes de Lemos, Pedro Álvarez Osorio e Rodrigo de Castro.

A Galiza rebelde foi expulsada da historia oficial. O relato historiográfico dominante non só nega a existencia do Reino de Galiza para afirmar o carácter unitario de España desde tempos inmemoriais, senón que agocha a oposición do país ao proxecto asimilacionista de Castela para poder presentar a anexión de Galiza como un proceso non conflitivo e ao galego como un pobo submiso. Queremos logo achegar materiais que permitan saber de nós e coñecernos, fornecer información que posibilite unha información precisa do noso pasado e da nosa colonización e introducir claves analíticas que nos permitan comprender a situación presente e como superala.

Máis en Información do Reino
Comentarios