Vence, sobre IU: "Non imos aceitar que desde Madrid se impoña unha folla de ruta ao nacionalismo galego"

Día de resaca após o encontro con Anova, e logo das declaracións de Yolanda Díaz relativizando máis unha vez o conceito soberanía. Esta quinta feira, Vence pediulle a IU "que teña a prudencia de non darlle leccións ao BNG de como defender os intereses de Galiza".

Xavier Vence
photo_camera Vence, durante un Consello Nacional

O portavoz nacional do BNG enfatizou que "non será a formación de Cayo Lara nin de Yolanda Díaz a que marque a folla de ruta do nacionalismo galego".

Na fraseoloxía que está a empregar IU para se dirixir ao BNG, de forma directa ou indirecta, predominan as alusións a que se deixen de lado os perfís partidarios (na mesma linguaxe abundou hoxe Martiño Noriega en twitter), a se diluíren todos no magma anti-neoliberal (superando as lindes entre nacionalismo e españolismo, como teorizou no seu día Beiras). Vence respondeu nestes termos: "Ter altura de miras non consiste en se pregar á estratexia eleitoral de IU, como pretenden os seus voceiros en Galiza e en Madrid, ter altura de miras é defender os intereses dos galegos e das galegas, das persoas que están sendo trasteadas pola crise, dos parados, dos pensionistas, das familias que non dan chegado a fin de mes, do noso tecido produtivo. Nesa tarefa non admitimos leccións de ninguén, tampouco de IU".

Aliás, Vence puxo en destaque o BNG continúa a ter as "portas abertas" para a configuración dunha coligación unitaria galega ás europeas como paso previo á constitucion dunha plataforma en que se integren tamén as forzas soberanistas de Euskal Herria e Catalunya.

Comentarios