Unanimidade no Parlamento para admitir a debate a ILP da CIG sobre unha tarifa eléctrica galega

Todos os grupos votaron a prol da toma en consideración dunha iniciativa lexislativa popular avalada por 18.000 sinaturas e que propón medidas para garantir a enerxía como servizo público e contra a pobreza enerxética. Vídeo no interior

CIG tarifa electrica

A Iniciativa lexislativa popular sobre unha tarifa eléctrica galega, defendida esta terza feira no Parlamento pola CIG, pasa o trámite de admisión e será debatida na Cámara lexislativa após recibir o apoio de todos os grupos con representación: BNG, AGE, PSOE, PP e Grupo mixto. Unanimidade para unha ILP que chegaba ao Parlamento avalada por 18.000 sinaturas e co apoio de máis de 50 concellos (entre eles, 6 das 7 principais cidades do país) e 3 deputacións. Fernando Branco, de CIG-Industria, foi quen defendeu desde a tribuna a iniciativa, reclamando unha tarifa eléctrica galega porque para Galiza o sector enerxético é estratéxico, tanto polo seu peso no PIB, como pola súa importancia económica e social.

O representante do sindicato nacionalista explicou que Galiza exportaa por volta do 40% da enerxía que produce, mais non recibe ningún beneficio por iso, embora os impactos negativos e os prexuizos do punto de vista social e ambiental. Por iso a ILP defende que a enerxía sexa no noso país máis barata para facilitar a instalación de empresas e garnatir maior competitividade (e emprego) do tecido industrial. Aluás, por volta dun 18% da poboación de Galiza está en situación de pobreza enerxética. Algo que se podería paliar con medidas que garantan a enerxía como dereito.

Exemplos

A CIG lembra que o sector enerxético está regulado a nivel de estado e que se fixa unha tarifa única que inclúe toda unha serie de peaxes que teñen que ver co transporte e distribución desa enerxía. Peaxes que tamén se pagan en Galiza embora se producir a enerxía no noso país. Hai territorios en Estados da UE que teñen tarifas eléctricas diferentes e que en 2013, cando se aprobou a Lei de Enerxía, o goberno vasco asinou un acordo co PP que estabelece unha condición específica para Euskadi en relación coas redes de alta tensión que abarata a enerxía.

Todos os grupos apoiaron que a ILP pase a se debatefr na Cámara galega: BNG, AGE, PSOE, PP e Grupo Mixto. Unha unanimidade ben recibida na CIG, mais o sindicato advertiu que ía estar “atento” a que no traballo parlamentar non se limasen as demandas recollidas na ILP. Durante o debate, ducias de persoas protagonizaron unha cocnentración ás portas do Parlamento en apoio á iniciativa lexislativa popular.

Comentarios