Vence defende a vía soberanista e Beiras a IU como garante da plurinacionalidade

Non se albiscan espazos de converxencia porque se moven en campos de xogo moi distantes. O BNG quer ter como parceiros as forzas soberanistas. Anova, a que cualifica como esquerda rupturista. O problema do punto de vista nacionalista é que rupturista ou non, IU ten o centro de decisión en Madrid. E iso torna inviábel o acordo co BNG.

photo_camera Encontro BNG-Anova

Non é o primeiro encontro BNG-Anova despois da escisión post-Amio, mais si a primeira cimeira con convocatoria aos medios de comunicación. Houbo as fotos de rigor, os consabidos mudos, e tamén declaracións previas á imprensa antes de se fecharen as gravadoras.

As posicións ficaron moi claras. O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, afirmou que o BNG no vai supeditar os intereses de Galiza aos de ningunha forza estatal, mentres que Beiras asumiu por momentos o rol de portavoz de IU, da que dixo que ten unha atitude, non xa receptiva, senón "declarada" de "asumir a plurinacionalidade" do Estado.

Representación potente en Europa

Vence enfatizou que o BNG ten vontade de constituír "unha candidatura unitaria, nacionalista e de esquerdas" e dixo que "queremos facelo con xenerosidade".

"O Bloque ten moi claro que Galiza non pode supeditar os seus intereses aos de ningunha forza estatal. É necesario sumar todas as forzas nacionalistas do país para conseguirmos unha representación potente de Galiza en Europa", engadiu.

Zonas de acordo con Cayo Lara

Por súa parte, Beiras cualificou de aberta a posición coa que aborda Anova as conversas co BNG. Dixo que non tiñan nada fechado con IU, mais a seguir debullou as zonas de acordo da súa formación coa que lidera Cayo Lara. Nese sentido, puxo o acento en que a forza esquerdista española si asume que no Estado hai "4 nacións" e que unha delas é Galiza.

Alén de Vence e Beiras, no encontro, que decorreu no hotel compostelano Virxe da Cerca, participaron polo BNG as membros da súa Executiva Nacional Goretti Sanmartín e Ana Miranda, responsábeis da Secretaría de Implantación e Estratexia Municipal e Secretaría de Política Internacional, respectivamente, ben como o secretario de Organización, Bieito Lobeira. A representación de Anova asumírona Luis Eyré, responsábel de Relacións Políticas; Martiño Noriega, coordinador da Coordinadora Nacional; e Antía Comesaña, responsábel de Mocidade.

Comentarios