Mikel Burzako: Galeusca e Europa

O Partido Nacionalista Vasco (PNV) despregou unha intensa actividade internacional, sobre todo en Europa, durante a primeira metade do século XX. Percorremos con Mikel Burzako Samper (Bilbo, 1969), responsábel de Exteriores da súa Executiva, algúns destes fitos máis significativos que, á súa vez, condicionan as principais reivindicacións políticas a abordar proximamente por unha Europa que debe tamén dar cabida ás nacións sen Estado.
Mikel Burzako Samper. (Foto: Luis Mari Prego)
photo_camera Mikel Burzako Samper. (Foto: Luis Mari Prego)

Licenciado en Ciencias Empresariais, Mikel Burzako é desde febreiro de 2016 o burukide do Euzkadi Buru Batzar (o EBB, a dirección do PNV) responsábel da área de Relacións Internacionais. Cun primeiro destino en Chile onde coincidiu con Andoni Ortuzar, hoxe presidente do EBB, participou na iniciativa do Goberno vasco de abrir as primeiras delegacións modernas no exterior.

Director de Cooperación ao Desenvolvemento no Executivo do lehendakari Ibarretxe, posteriormente foi designado director de Relacións Exteriores, responsabilidade desde a que contribuíu a pór en marcha as delegacións de Euskadi en países como Estados Unidos, México ou Arxentina. Na primeira lexislatura do lehendakari Urkullu, desempeñou o cargo de director de Coordinación na Lehendakaritza. Está casado cunha galega, Fabi, a quen coñeceu na Galiza, terra que visita con frecuencia. 

—Que significación tivo o Congreso de Nacionalidades Europeas para o nacionalismo vasco?
O PNV sempre viu en Europa unha vía para resolver o encaixe do territorio vasco como suxeito político no concerto das nacións. En 1916, nun período de escisión dos Estados nación, xa reivindicamos un espazo para Euskadi na Europa da posguerra. Desde a década dos 30 apostamos polo federalismo como vía para logralo. Neste contexto, en 1933 organizouse o segundo Aberri Eguna baixo o lema ‘Euskadi Europa’, na pretensión de dar tamén unha dimensión internacional á recentemente creada Galeuzca. Este evento contou coa presenza de, entre outros, Ewal Ammende, secretario do Consello de Minorías Nacionais, e de Otero Pedraio, do Partido Galeguista.

O Congreso de Minorías Nacionais (1925-1938) foi constituído como institución adxunta á Sociedade de Nacións. Tras os cataláns, os vascos entraron formalmente en 1930 no V Congreso como Grupo Nacional Vasco e os galegos fixeron o propio en 1933 a partir do IX Congreso decorrido en Berna. Ambos fomos membros de pleno dereito, co que iso implicaba en termos de recoñecemento internacional e de igualdade co resto das nacións.

—Que importancia ten Europa na traxectoria do nacionalismo vasco?
Europa para o noso partido éo todo. É a nosa contorna, o noso marco de referencia, a nosa casa común, o lugar onde debemos seguir progresando como pobo vasco, mantendo a nosa identidade propia e a lingua viva máis antiga de Europa, o éuscaro. A nosa referencia, ‘Euskadi, nación europea’, queda simbolizada na nosa ikurriña, á beira da bandeira europea.

É o legado que nos deixaron os nosos maiores e os grandes líderes do PNV, con 128 anos xa de historia. A partir da nosa adscrición histórica na Internacional Demócrata Cristiá (IDC), participamos nos principais movementos e asociacións que deron lugar ás institucións comunitarias. Incluso a CDU alemá entrou na IDC co noso aval, nada menos que na nosa sede en París, hoxe emprazamento do Instituto Cervantes e que seguimos reivindicando lexitimamente a súa restitución.

Tras a II Guerra Mundial, a época 1945-1950 foi probabelmente a máis relevante para o PNV a nivel europeo xa que quedou definido o noso discurso europeísta, plenamente vixente a día de hoxe, e porque se despregou unha ampla rede de relacións internacionais que lle permitiron seguir de maneira estreita o proceso de construción europea. Froito daquela época, Francisco Javier de Landaburu escribe o libro A Causa do Pobo Vasco en 1956 que se ben está basicamente dirixida a un chamamento á mocidade vasca para involucrarse en política, nun contexto excepcional en plena ditadura franquista, desenvolve un capítulo propio titulado “Da Nación a Europa e ao mundo” , cuxo contido é de plena actualidade.

O PNV leva Europa no seu ADN, o cal non implica que sexamos críticos e exixentes co proxecto actual da Unión. Con ocasión da recente Presidencia española do Consello da Unión Europea, o Euskadi Buru Batzar aprobou unha declaración coas prioridades que ao noso xuízo debe abordar Europa de maneira ineludíbel nos próximos anos e onde tamén reclamamos o recoñecemento e espazo propio das nacións europeas como a vasca, para poder participar, de maneira efectiva e plena, da construción europea.

—Como ve a situación actual en Europa dos nacionalismos das nacións sen Estado?
A nosa situación, de partida, non é fácil nunha Europa excesivamente manexada e até blindada polos Estados. Pero creo que estamos a lograr xerar unha conciencia común e desenvolver un labor frutífero estes últimos anos. Desde Euskadi, o lehendakari Iñigo Urkullu asinou xa convenios de colaboración con Flandes, Córsega e Gales en diversas áreas. De igual forma, desde o ámbito institucional tamén se está demandando unha maior capacidade para influír e contribuír ás políticas europeas desde aquelas rexións con competencias lexislativas.

Nun ámbito máis político, na presente lexislatura puxemos en marcha o Caucus [asemblea de representantes políticos] sobre Self Determination baixo a Presidencia do europarlamentario François Alfonsí. A día de hoxe, a valoración é razoabelmente positiva, especialmente en dúas temáticas. Por unha parte, o informe para mellorar a protección das linguas minorizadas e en perigo de desaparición en Europa, que aprobou unha ampla maioría por parte do Parlamento Europeo. E doutro, estamos a elaborar un texto articulado ao redor da directiva de claridade, unha das bandeiras tradicionais políticas do PNV. Até o de agora Europa fechou filas neste tipo de asuntos, aludindo que son cuestións internas dentro dos Estados, pero os conflitos terminaron por enquistarse e por converterse nun problema real a nivel europeo. Por iso, a nosa formulación é que Europa debe crear un mecanismo de arbitraxe entre as partes que dea unha solución aos conflitos de soberanía e de recoñecemento da diversidade no seu seo.

Dito isto, debemos ser realistas e conscientes das nosas serias limitacións como caucus. En primeiro lugar, pola nosa propia dimensión, dos nacionalismos e das nacións sen Estado no conxunto de Europa, o que limita, na práctica, a nosa influencia. E seguidamente por razóns internas, xa que aínda seguen primando os intereses particulares, a pugna polo liderado político, os distintos ritmos de cada territorio, respecto a unha visión máis global e común para o conxunto das nosas nacións europeas.

—Fechouse a “primavera” que eclosionou tras o derrubamento do socialismo real?
As institucións comunitarias foron conformadas esencialmente por unha visión compartida entre as dúas grandes familias políticas do momento: a cristiá-demócrata e o socialismo democrático. Hoxe ambas as familias están a vivir épocas complicadas tanto en Europa como en América Latina. No caso do socialismo e no ámbito europeo, están a perder os seus outrora espazos significativos en países como Francia, Italia, Grecia e, sobre todo, os tradicionais países nórdicos. E noutros onde están a gobernar como Alemaña ou España, os seus actuais Gobernos mostran debilidade e pouca estabilidade.

Ao meu xuízo e coa debida distancia e respecto, creo que o socialismo, en xeral, necesita dunha readecuación do seu discurso político ás prioridades da axenda política do século XXI e, sobre todo, dunha concepción global máis homoxénea dos seus proxectos políticos compartidos. Eu persoalmente coincido co esencial da conferencia do ano pasado na Universidade Carolina de Praga sobre o futuro de Europa, por parte do chanceler Olaf Scholz. Pero non observo posicións compartidas, nin tan explícitas por parte do resto de partidos políticos do seu grupo, en cuestións tan esenciais como a ampliación de Europa (o caso de Xeorxia, que coñezo en bastante profundidade, é un claro exemplo diso) ou a necesidade de reformas institucionais no seo da Unión, en aras a ser máis operativa ou a implementación dunha verdadeira gobernanza multinivel, onde debe haber cabida tamén para as nosas realidades nacionais.

—Persiste esa impresión de que en Europa, en xeral, enténdese mellor os nosos nacionalismos que en España?
En xeral, a nosa realidade ten un nivel de acollida e de comprensión elevada en moitos países europeos. No caso particular vasco, creo que axuda moito o feito de que o PNV é un dos poucos partidos políticos centenarios en Europa, cunha traxectoria profundamente europeísta desde as súas orixes, coherencia no noso discurso político e un elevado prestixio, a base de rigor e de desempeño, alcanzado polos nosos dirixentes históricos e por quen nos ten representando no Parlamento Europeo desde a nosa entrada en 1986.

Europa e os seus países membros non conforman, con todo, un espazo uniforme, nin estático. Algúns dos actuais países membros na Unión Europea non existían na configuración europea tras a II Guerra Mundial. Representantes do noso partido político estiveron nos referendos de independencia en Montenegro de 2006 e en Escocia de 2014. Á súa vez, moitos dos países do leste de Europa (sobre todo, ex Repúblicas Soviéticas) están conformados por diversas etnias, realidades lingüísticas, culturais, relixiosas, etc, que, sen dúbida, axudan a interpretar e a ter unha maior sensibilidade sobre a nosa propia realidade. O lema da Unión Europea, ‘Unity in Diversity’, utilizado por primeira vez no ano 2000, debería ter un maior percorrido e contido que o seu mero slogan.

—Advirte semellanzas entre a Europa dos anos 30 e a actual en canto á eclosión fascista?
Son dos que consideran que dentro da política é moi importante coñecer a historia, tanto por coñecemento como por tentar non incorrer en erros pasados. Estamos a vivir a nivel mundial, e tamén en Europa, un fortalecemento das posicións extremistas e fascistas, e un claro afundimento das opcións tradicionais e de centro. Actualmente hai unha evidente debilidade do Estado de dereito en Polonia ou Hungría, a extrema dereita atópase en Gobernos como Italia, Suecia, Finlandia, as posicións de extrema dereita son hoxe unha alternativa clara de Goberno en Alemaña, Francia e en España manteñen máis de 3 millóns de votos de respaldo. O panorama é, sen dúbida, preocupante a menos dun ano das eleccións ao Parlamento Europeo co que pode traer consigo para o futuro do propio proxecto europeo, tan só de pensar nos precedentes históricos.

Pero, ao igual que cunha moeda, tamén podemos facer fincapé no outro lado, e pensar que o proxecto europeo sempre logrou os seus avances substantivos en situacións límite. Aínda que tamén é certo que iso foi unido a grandes liderados políticos dos que hoxe sentimos un tanto orfos. Independentemente do anterior, a política seria e sensata debe analizar as razóns polas que chegamos a este escenario de polarización e de confrontación e debe tratar de reverter as súas causas, como a inequidade, a inseguridade, a falta de oportunidades, a desinformación, o distanciamento progresivo entre o poder público e a cidadanía, a perda de valores humanos universais, do sentido colectivo ou dunhas bases mínimas democráticas.

—Que perigos principais identifica na estabilidade continental?
Atopámonos ás portas das próximas eleccións ao Parlamento Europeo, que serán en xuño de 2024. Europa seguirá tendo estabilidade a través das novas maiorías que se consigan. Pero si é certo que as mesmas van condicionar non soamente o próximo mandato 2024-2029, senón tamén un horizonte temporal maior cunha crecente pugna entre EEUU e a China polo liderado mundial, e onde Europa debe definir o seu propio modelo e o que implica a soberanía estratéxica europea, se é que queremos seguir sendo un actor importante na xeopolítica mundial.

Recentemente lin un artigo que expuña que Europa estaba nun dilema existencial que vai condicionar a súa próxima campaña electoral: se apostar decididamente pola federación europea, por unha maior consolidación da UE, seguindo a Declaración de Schuman de 1950; ou retornar a unha Europa como unha mera alianza de Estados soberanos predominando sobre o sistema institucional comunitario, en concomitancia co espírito do Tratado de Westfalia de 1823. A decisión estará en mans da cidadanía europea nuns cantos meses.

—Como están hoxe as relacións entre os movementos nacionalistas vasco e galego? É reproducíbel aquela alianza dos anos 30?
As relacións entre Euskadi e a Galiza gozan, en xeral, de boa saúde, incluíndo tamén as dos nosos respectivos movementos nacionalistas. Como todas relacións que se estenderon no tempo, teñen os seus altos e baixos, son momentos máis propicios e tamén de maior entendemento.

Nunha perspectiva histórica, houbo dous instantes cruciais nesta relación. En primeiro lugar a década dos 30. Coa constitución de Galeuzca, a presenza do Partido Galeguista no segundo Aberri Eguna e a posterior participación no Congreso de Minorías Nacionais, con todo o seu significado político. O segundo momento dáse no período democrático actual, coa firma da Declaración de Barcelona en 1998 entre o BNG, o PNV e CiU pola defensa dun verdadeiro Estado plurinacional e na conformación dun plan de traballo conxunto en áreas fundamentais como a lingua e cultura, fiscalidade e financiamento público, símbolos e institucións e presenza na UE.

Na actualidade, ao meu xuízo, dispomos dun proxecto no ámbito europeo que é unha auténtica oportunidade para relanzar estratexicamente as nosas relacións bilaterais: a macrorrexión atlántica, liderada polo lehendakari Iñigo Urkullu, e que estamos a defender moi activamente desde o PNV e que confiamos en que teña un impulso definitivo nesta Presidencia española, mandatando á Comisión Europea a creación desta macrorrexión. A súa pertinencia está fóra de toda dúbida, pois é necesario equilibrar territorialmente unha Europa excesivamente ladeada cara ao leste de Europa, involucrar territorios do Reino Unido cos que poden existir grandes complementariedades internacionalmente e tamén volver priorizar as relacións transatlánticas nun mundo cada vez máis complexo e interrelacionado.

Se este proxecto é confirmado, creo que Euskadi e a Galiza estarán ante unha oportunidade inmensa para o seu futuro e deberían estabelecer unha alianza estratéxica baixo o paraugas europeo que lles permita pór en valor o coñecemento histórico e as amplas redes das súas respectivas colectividades no continente americano. Co engadido para a Galiza de poder ampliar, baixo o influxo luso, os lazos de influencia a un país da importancia do Brasil, así como países de África e Asia, cara a onde irreversibelmente vai seguir virando o centro de gravidade mundial nas próximas décadas.

Máis en Entrevistas
Comentarios