Un Feijóo nervioso e á defensiva perde o primeiro debate electoral

Núñez Feijóo perdeu o primeiro dos tres debates que se celebrarán cara ao 21-O a pesar das dificultades do candidato socialista, Pachi Vázquez, por formular propostas e alternativas concretas. O candidato popular mostrouse moi nervioso e mesmo incómodo fronte a un Pachi Vázquez firme e incisivo, que logrou acurrunchalo en varias ocasións. Desemprego, Pemex, caixas galegas, rescate, servizos públicos, autogoberno e idioma foron os eixos do primeiro dos tres cara a cara onde se medirán os candidatos do PP, BNG e PSOE. Esta terceira feira haberá debate, desta volta entre Pachi Vázquez e o candidato do BNG, Francisco Jorquera.
Debate electoral entre Feijóo e Pachi Vázquez
photo_camera Debate electoral entre Feijóo e Pachi Vázquez

Había grande expectación perante o primeiro debate electoral en 19 anos. A moderadora Marga Pazos, puña de relevo a relevancia do primeiro dos tres enfrontamento que terán lugar cara ao 21-O, cualificándoo de “cita especialmente emocionante para a democracia galega”. Non era para menos, trátase da primeira vez na historia do noso país en que os tres candidatos á presidencia da Xunta, das tres forzas políticas con representación no Parlamento, contrastarán posicións e propostas diante do electorado.

O resultado ficou bastante claro. Feijóo perdeu o primeiro cara a cara destas eleccións malia as dificultades de Pachi Vázquez para explicar en que consiste a súa alternativa, que apenas logrou concretar nunhas poucas promesas. Certamente o aspirante socialista se expresou con maior firmeza e claridade, sosegado mais tamén moi incisivo, tomando a iniciativa e acurrunchando a Feijóo, colocándoo á defensiva.

Mais non foi unha malleira nin unha derrota por KO. Malia o notábel nerviosismo –que lle xogou malas pasadas como terse referido a Vázquez como “señoría”-- e a incomodidade demostrada polo popular, que mesmo se manifestou airado nalgúns momentos, Feijóo deu batalla á hora de defender a súa xestión cunha numerosa batería de cifras e especialmente denunciando as contradicións e falta de concreción do socialista.

Debate desde o primeiro minuto

O debate encetou puntual. Ás 21:30 arrancaba cos dous minutos de presentación cos que Pachi Vázquez e Núñez Feijóo sentaban as bases das súas intervencións ao longo dos 70 minutos de debate. Alberto Núñez Feijóo foi o primeiro en tomar a palabra iniciando a súa intervención cun saúdo intencionadamente bilingüe. “Boas noites, buenas noches”, dixo. O aspirante á reelección celebrou que desta volta teñan lugar os debate desexando que resulten “úteis”. “Desde que asumín a presidencia comprometinme a verdade e xestionar a realidade, iso é o que fixen” asegurou un Feijóo tatexante polos nervios.

Pachi Vázquez aproveitou a primeira frase para marcar o ton que definiría todas as súas intervencións posteriores. “Polo que vexo vimos a falar de cousas distintas” espetoulle o candidato socialista, respostando as gabanzas de Feijóo sobre a súa propia xestión. Vázquez dixo querer ser “a voz da xente que o está pasando mal” facendo mención aos libros de texto e ao repagamento farmacéutico que reiteraría ao longo do debate. Unha das acusacións en que insistiu o líder socialista foi en denunciar que o anticipo electoral estaba motivado polo inminente rescate do estado.

Vázquez amosouse durante todo o debate taxativo e seguro de si propio, nun ton axexante e marcando o ritmo do encontro con incisivas interpelacións con que logrou acurrunchar en varias ocasións o presidente cesante. Fronte á defensa da súa xestión feita por Feijóo, Vázquez amosouse demoledor: “en Galiza nada nin ninguén está mellor que hai catro anos”.

Desemprego e Pemex

O debate estruturouse en tres bloques temáticos. O primeiro, que versaba sobre economía e emprego, tivo dúas cuestións por protagonistas. Dunha banda o desemprego, con Vázquez acusando a Feijóo de ser o “presidente do paro”, asegurando que durante o seu mandato “cada dez minutos houbo unha persoa máis no paro”. Feijóo tentou zafar das demoledoras cifras de desemprego insistindo en as comparar co conxunto do estado.

Pachi Vázquez a Feijóo sobre PEMEX: “Non ten contrato nin o quere ensinar”

Outra das cuestións chave foron os acordos de Pemex. A teimosía de Vázquez en denunciar a súa inexistencia exixindolle que os mostrase, provocou que Feijóo respondese ostensibelmente molesto e con ton airado. Non se mostraron os contratos e tampouco houbo compromiso de o facer. Pola contra Feijóo botou man dunha carta asinada polo conselleiro delegado de PMI, a filial de PEMEX con quen se asinaron os acordos, en que a empresa advertía que de facerse públicos os contratos os rescindirían, cunha argumentación difusa que invocaba a propiedade intelectual, malia tratarse dun simple acordo de compra-venda. Con todo, PMI abriulle un pequeno salvoconduto a Feijóo para esquivar a polémica.

Mais a carta de PMI non foi suficiente para frear as insistentes demandas de Vázquez quen lle exixía unha e outra vez que os mostrase. “Non ten contrato nin o quere ensinar” concluiu o candidato socialista.

Caixas galegas e rescate

Houbo tamén referencia á situación das caixas galegas. Vázquez reprochoulle a Feijóo a situación que atravesan as entidades hoxe bancarizadas, afirmando que o sistema financeiro galego está “ao borde do caos”, e o candidato popular retrucou que “de ter seguido os seus consellos non habería nin caixas, nin banco, nin nada”. Nun dos poucos golpes que o popular logrou propinarlle ao seu adversario, invocou o papel do BNG na defensa das caixas.

Feijóo a Vazquez: “de ter seguido os seus consellos non habería nin caixas, nin banco, nin nada”

En resposta ás mencións, que foron numerosas, a un eventual novo rescate a nivel estatal, Feijóo fixo unha das máis arriscadas declaracións da noite ao asegurar que “mentres eu sexa presidente Galicia non será rescatada”, obviando que as consecuencias--en forma de novos e máis duros recortes-- dun eventual rescate ao Estado español terán efecto na nosa comunidade malia ser, segundo o candidato popular, a “máis solvente de España”.

A problemática derivada pola fraude das participacións preferentes atravesou de xeito lateral o debate. Vázquez reclamou unha solución “si ou si” e Feijóo devolveulle a pelota acusando os socialistas no bipartito de permitiren a suscrición das preferentes.

Sanidade, ensino e benestar

Despois dunha pausa de cinco minutos retomaron o debate cun novo bloque temático, desta volta centrado nas políticas de benestar e os servizos públicos.

A primeira quenda do bloque foi para Pachi Vázquez que nun ton mesmo desafiante díxolle ao seu contrincante que “nin a sanidade nin o ensino públicos son os responsábeis da crise” e botando man dunha hipotética familia galega retratou as dificultades que atravesa a maioría social: desemprego, desatención de dependentes, repagamento sanitario e eliminación da gratuidade dos libros de texto.

“Nin a sanidade nin o ensino públicos son os responsábeis da crise” dixo Pachi Vázquez

Fronte á situación que viña de debuxar Vázquez referiuse novamente a Feijóo asegurando que “o que vostede lles di é que o déficit está niquelado”. “Cre que iso lles importa?” preguntoulle, para concluír afirmando que “a política social é para as persoas, non son cifras”.

“A crise é responsabilidade das políticas socialistas” reaccionou Feijóo, para pasar a se gabar das políticas de austeridade que fixeron posíbel, segundo el, o control do déficit galego. A seguir enumerou unha serie de cifras que en palabras do popular demostraban o esforzo polo seu goberno en reforzar os servizos públicos. Máis prazas en servizos sociais ou a construción de novos hospitais e centros de saúde foron os principais logros que Feijóo se atribuíu, entre obxeccións do socialista.

A respecto do control do déficit e do aforro no gasto argumentado por Feijóo, Vázquez asegurou que non houbo tal senon “transferencia dos custos ás familias e empresas”. Tras denunciar o recortes no profesorado, 2.500 menos, e no orzamento das universidade, o candidato socialistas puxo enriba da mesa a promesa de volver facer gratuítos os libros de texto. Outro dos compromisos expresados por Pachi Vázquez de ser electo presidente foi o de anular os “concertos con colexios que segregan por xéneros”. Vázquez argumentou que “comézase separando nenos de nenas na escola e remátase marxinando as mulleres”. Feijóo reprochoulle que eses concertos xa existían durante o goberno bipartito e interrogouno sobre porque non os anulou daquela.

“Temos mellor educación que en Andalucía” asegurou Feijóo

Unha das liñas mestras que describiron o discurso de Alberto Núñez Feijóo foi fuxir do contraste dos seus resultados coa realidade galega. En lugar diso optou por comparar a súa xestión coa situación a nivel de estado ou con outras comunidades autónomas. “Temos mellor educación que en Andalucía” afirmou o que foi respostado por Vázquez preguntándolle “Vostede é presidente de Galiza ou de Andalucía? Eu veño a falar do meu país”.

Pola súa banda, o discurso de Pachi Vázquez estivo concentrado máis en críticas ou reproches á xestión de Feijóo que na formulación de propostas e alternativas. Aliás, o candidato socialista despregou ao longo de todo o debate varias promesas. Entre elas a de eliminar o “copago farmacéutico que lle cobra 33 millóns de euros aos xubilados galegos malia teren as pensións máis baixas do estado”.

A baixada das pensións no aire

Superado o ecuador do debate púxose en evidencia o contraste nas posicións defendidas por un e por outro. Feijóo e Vázquez intercambiáronse longas e contraditorias enumeracións de datos con que os candidatos pretenderon desmontar as afirmación do de enfronte máis que argumentar as propias.

Unha das revelacións que nos deixa este primeiro cara a cara electoral é o recoñecemento por parte de Núñez Feijóo de que as e os pensionistas perderán poder adquisitivo. “Probablemente non poderemos subir as pensións o que quixeramos pero non as imos baixar” asumiu despois de que Vázquez acusase o PP de pretender baixalas unha vez pasados os comicios galegos.

Autogoberno

Despois de economía e benestar o terceiro bloque foi o dedicado ao autogoberno. Feijóo limitouse a asegurar que a mellor defensa para o autogoberno do noso país foi “blindar a solvencia” coas políticas de austeridade. “Quen ten hoxe máis autonomía Galiza ou Catalunya logo de pedir axuda económica ao estado?” chegou a preguntar.

“A maior ameaza para o autogoberno non é o soberanismo, é vostede señor Feijóo, é o Partido Popular” dixo Pachi Vázquez

Vázquez pola súa parte fixo unha defensa acendida, mais difusa, do autogoberno e a autonomía, sen ningún compromiso concreto agás o de impulsar unha reforma do Estatuto da que non precisou ren. O socialista cargou contra Feijóo por ter afirmado nunhas declaracións públicas que non lle importaría devolver algunha das competencias transferidas. Fronte aos envites do popular que tentaban insistir no discurso do medo contra das propostas en chave soberanista do BNG, Vázquez retrucou que “a maior ameaza para o autogoberno non é o soberanismo, é vostede, é o Partido Popular”.

Feijóo entrou en terreo pantanoso para si propio ao enunciar que “o Estatuto practicase todos os días”. Vázquez botou man de varios exemplos que demostrarían o desleixo do executivo galego na defensa de sectores produtivos como o naval ou a pesca.

Idioma

Outro dos asuntos abordados foi a cuestión lingüística. Tal e como se prevía despois de realizar manifestacións públicas que apuntaban nesa dirección, Pachi Vázquez cargou contra a política lingüística do Partido Popular asegurando que “cometeron a maior inxustiza que se fixo cunha das cousas máis fermosas que temos”. “Vostede nin como presidente da Xunta nin como presidente do PP tiña dereito a facer o que fixo coa lingua” afirmou Vázquez, quen anunciou que nos cen primeiros días anulará o decreto do galego aprobado polo PP “por un puñado de votos”.

 Feijóo: “Cada un que fale galego ou español como lle pete, pero a clave é coñecer o inglés”

“Eu fixen o que os galegos me autorizaron” defendeuse Núñez Feijóo, obviando a ampla contestación social e o maioritario rexeitamento face a súa ofensiva contra o galego. Expresándose en chaves propias do discurso da asociación “Galicia Bilingüe”, colectivo hoxe máis próximo a forzas ultra como UPyD e ao partido de Mario Conde, amosouse orgulloso de “ter dúas linguas”. “Cada un que fale galego ou español como lle pete, pero a clave é coñecer o inglés” aseverou o candidato popular quen definiu a Galiza como unha comunidade “libre e bilingüe”.

O debate concluíu coas mensaxes finais dos candidatos. Vázquez e Feijóo dirixíronse ao electorado mirando directamente a cámara. O socialista chamou á participación o vindeiro 21-O invocando as arelas de cambio. O popular asegurou que se presenta contra a crise económica e non contra ninguén, e que se presenta con máis ilusión que nunca, despedíndose cun “Buenas noches” e desexando sorte a Pachi Vázquez.

Esta terceira feira haberá de novo debate. Pachi Vázquez medirase co candidato nacionalista, Francisco Jorquera.

Comentarios