O pobo galego non votou polos recortes

Os comicios do 21-O arroxan uns resultados inesperados marcados por unha nova maioría absoluta do PP, a pesar de perder votos, a irrupción de AGE, a debacle do PSOE e o descenso do BNG.
Votación en Vigo

O Partido Popular gañou perdendo. Perde votos e, ao tempo, pola fórmula D'Hont, aumenta deputad@s. O incremento da presenza popular no Pazo do Hórreo non se debe a un aumento de apoio popular, que non se deu, senón a que as forzas da oposición non foron quen no seu conxunto de superar o resultado do PP. A abstención e, especialmente, a dispersión do voto co agromar de novas candidaturas no campo da oposición, explican un escrutinio de que en ningún caso pode deducirse que a maioría social avalase as políticas de recortes que durante todo o mandato contestou nas rúas.

 Uns resultados inesperados

 As eleccións autonómicas do pasado domingo arroxaron uns resultados inesperados. Ningunha das principais sondaxes, nin pública nin interna --das manexadas polas diferentes formacións políticas-- apuntaba un resultado como o recolleito o 21-O. Nin o inquérito do CIS, realizado a partir de 4.000 entrevistas --a mostra máis ampla-- nin as enquisas encargadas por diferentes cabeceiras de prensa, sinalaban que o Partido Popular ampliase até os 41 escanos a súa maioría absoluta. Se ben recollían a posibilidade de anovar a maioría acadada pola mínima en 2009, sinalaban tamén a posibilidade real de que a perdesen.

Nas propias filas populares eran conscientes desta situación, e horas antes de que encetasen as votacións intensificábase o nerviosismo perante o risco, certo, de perderen o goberno galego. Risco que certificaban algunhas sondaxes de última hora, malia non se publicaren por mor da prohibición recollida na normativa electoral. Apenas os trackings electorais, con mostras moito máis reducidas e con maior sensibilidade ás flutuacións sociolóxicas nunha escasa marxe de tempo, debuxaron un escenario que se aproximase aos resultados das votacións.

Sorprendente foi tamén o alcance electoral da coalición entre Anova e Esquerda Unida. Aínda que a meirande parte das sondaxes daban por practicamente segura a súa entrada no Pazo do Hórreo, facíano nunha medida moi por baixo dos 9 asentos que a Alternativa Galega de Esquerda obtivo finalmente, e con que superou o propio BNG colocándose como terceira forza. Cabe salientar que o CIS, publicado ao inicio de campaña, apenas lles outorgaba un deputado pola provincia da Coruña, cunha porcentaxe de voto sensibelmente inferior á que esta nova candidatura acadou. Neste sentido o diferencial entre as previsións e os resultados poñen de relevo que, en boa medida, estes se xeraron no decorrer da campaña e nomeadamente no treito final dela.

Aliás, non existía ningún indicador previo que apuntase un desastre electoral como o que finalmente sufriu o Partido Socialista, nin un descenso tan acusado como o padecido polo Bloque Nacionalista Galego.

Unha 'maioría' só electoral

O Partido Popular renovou a súa maioría absoluta e Núñez Feijóo gobernará catro anos máis. Faino mesmo ampliando o número de deputadas e deputados, malia perder arredor de 135.000 votos e retroceder en porcentaxe de voto. A maioría parlamentar, ou se se preferir, a maioría electoral deforma ou non permite observar ás claras que detrás dos resultados existe tamén un severo castigo electoral ao PP, como correlato dos masivos procesos de protesta que foron protagonistas na lexislatura pasada en contra das políticas de recortes e “austeridade”.

Se hai un contexto en que a abstención se pode interpretar en chave de castigo é neste, xa que os procesos electorais non se poden desligar do contexto social --neste caso marcado por un clima de contestación-- en que se producen. Segmentos da base tradicional de votantes do Partido Popular, terían optado ademais por non lle outorgar o seu apoio desta volta, por mor de medidas como o re-pagamento farmacéutico, do cal as principais vítimas son @s xubilad@s.

O retroceso do PP en moitos concellos, nas catro provincias e mesmo en ámbitos urbanos como Vigo, onde baixou dos 50.000 votos, mostran a incidencia electoral do descontento que latexou nos procesos mobilizadores dos últimos anos. Descontento que, porén, non se articulou no apoio ás forzas da oposición que en suma se sitúan dez mil votos por baixo do Partido Popular. En Galiza, polas súas características sociolóxicas, existe tradicionalmente un retardo á hora de que o clima social se traduza en termos electorais. O exemplo paradigmático foron as eleccións municipais de 2003, que malia teren lugar poucos meses despois do masivo “Nunca Máis”, non supuxeron un serio desgaste ao PP, que apenas sufriu un tenue retroceso mantendo basicamente a súa posición. Non sería até 2005, nas eleccións autonómicas, cando a rabia social desatada pola incompetente xestión da catástrofe do Prestige estaría no cerne da derrota electoral de Manuel Fraga, abrindo a porta a un cambio de goberno após dezaseis anos continuados de gobernos do PP.

A vitoria do PP obtense nun escenario electoral marcado por un incremento significativo da porcentaxe que votos nulos e brancos, que pasaron do 2,55% de 2009 ao 5,25% deste domingo, situándose como quinta opción de voto. Asemade, houbo un lixeiro incremento porcentual, +0,7%, da abstención que atinxiu o 36,20%, case un punto e medio por riba de 2009.

Derrubamento do PSdeG

O descenso máis acusado foi o do PSdeG-PSOE, quen pasou das 25 actas do pasado mandato a 17. A perda de oito deputadas e deputados non só se explica polo discutido liderado do seu candidato, Pachi Vázquez, nin polo clima interno do partido con loitas intestinas ao fío do último congreso galego e dos conclaves provinciais. Aínda que no PSOE se prevía unha baixada no apoio electoral, especialmente na provincia da Coruña, este finalmente foi moi superior ao agardado.

Un dos factores que o explicarían é a identificación social do PSOE coas políticas de recortes, encetadas por José Luís Rodríguez Zapatero e radicalizadas coa chegada de Mariano Rajoy á Moncloa. Asemade, a concordancia entre PSOE e PP en cuestións como a política europea, cando precisamente as directrices da Troika (Banco Central Europeo, Comisión Europea e máis o Fondo Monetario Internacional) son empregadas como argumento central para as sucesivas vagas de recortes e a diminución de dereitos sociais.

Tampouco axudou ás e aos socialistas galeg@s o perfil estatal do PSOE, que amplas capas sociais interpretan como “cómplice” e mesmo “colaborador necesario” das políticas antisociais, ou como mínimo non o perciben como unha alternativa real ao PP.

O BNG non capitaliza a súa actuación

Nada ten a ver o resultado obtido polo BNG coas previsións que, como xa se sinalou, apuntaban que a fronte nacionalista mantería comodamente a súa presenza no Pazo do Hórreo e que mesmo a situaban --sondaxe do CIS-- como a única das tres forzas parlamentares existentes nese momento que podía ampliar a súa representación. Con todo o BNG pasou de 12 a 7 deputadas e deputados, véndose relegado a cuarta forza no Parlamento por detrás de AGE.

A primeira conclusión que se tira deste agudo retroceso é que o BNG non foi quen de capitalizar electoralmente a súa actuación política e social, marcada por unha firme oposición ás políticas de recortes e por ser parte activa, implicándose de cheo, nos principais procesos mobilizadores e nas folgas xerais. Á vista dos datos, o Bloque non tería acadado o obxectivo que se marcara de ser a referencia política do descontento social, a opción chamada a ser apoiada por amplas capas de cidadanía xa non só desafectas, senón mesmo contrarias ás políticas do Partido Popular.

Nin a actuación institucional, concentrada en ser voz no Parlamento galego (máis tamén no Congreso e no Parlamento europeo, ou nos concellos) das demandas sociais, nin o intenso activismo desenvolvido pola organización nacionalista nas rúas, en que recuperou en pouco tempo unha presenza significativa, foron abondo para que o descontento social tomase --en maior medida-- por opción o pasado domingo a papeleta do BNG.

Hai que ter tamén en conta o impacto que nas filas nacionalistas tiveron os procesos internos, que resultarían nunha dupla escisión que ademais tomarían corpo electoral nas candidaturas de AGE e de Compromiso por Galicia. A marca BNG, isto é, a percepción social da proposta política encarnada polo Bloque, viuse duramente golpeada polo clima de división interna, amplificada e alentada desde algúns medios de comunicación, que tivo na asemblea de Amio o seu punto de ebulición. Mais se o desenvolvemento das pugnas internas foi transmitida amplamente polos medios de comunicación, sobre todo aqueles de maior hostilidade contra o nacionalismo, socialmente non se tiña unha visión clara do resultado destes procesos nin unha visión nítida das posicións en contraste.

Deuse, e dáse, tamén un descoñecemento significativo de que coordenadas ideolóxicas se impuxeron por maioría na asemblea de Amio, o que provocou que a consolidación na reorientación da fronte nas coordenadas do nacionalismo, autodeterminista e soberanista, e da esquerda transformadora, colocando as clases populares como suxeito preferencial, non se percibise socialmente ou cando menos non suficientemente --en parte pola falta de tempo, o que impediu contrarrestar ou reverter en maior medida o desgaste que o Bloque acusa desde a súa participación no goberno bipartito.

No reverso, as principais fortalezas que atesoura o BNG para encarar a lexislatura que se abre e superar esta fochanca electoral son a súa organización, implantada territorialmente na práctica totalidade do país e cun importante activismo militante, as sinerxías tecidas co sindicalismo nacionalista e os movementos sociais --en que conserva unha forte incidencia e actuación-- e o feito de que a clarificación da súa liña política teña sido tan recente que non se prevé sufra grandes revisións, alén de axeitar a súa aplicación concreta. Asemade, o clima interno de maior cohesión e unidade, facilitará que o debate que se produza ao fío da análise dos resultados se desenvolva con maior normalidade e sen incorrer no desgaste que outros provocaran con anterioridade.

Transvasamento de voto para AGE

Unha década despois, Xosé Manuel Beiras Torrado regresará ao Parlamento galego. Quen fóra unha das principais referencias históricas do nacionalismo galego, faino desta volta a cabalo dunha coalición da súa formación escindida do BNG, Anova, con Esquerda Unida, e outras pequenas formacións, como Equo ou Espazo Ecosocialista.

Con 200.000 votos e 9 escanos, a irrupción de AGE na Cámara galega foi o feito máis salientábel dos comicios autonómicos. Cun discurso asentado nunha retórica rompedora e de confrontación e cunha escenificación que procuraba a diferenciación, engadido ao feito de ser unha candidatura ex novo, libre da carga das contradicións da labor de goberno, a coalición conseguiu sumar para si propia o voto de protesta dos sectores do electorado máis anoxados coa acción de goberno do PP.

O papel de Beiras foi central na campaña de AGE, que recibiu altas doses de alento dos medios de comunicación, sobre todo na última semana antes da cita coas urnas, vestiu a súa candidatura como unha caste de “BNG auténtico” ou de “Bloque de toda a vida” a ollos de ex-votantes nacionalistas que se distanciaran da fronte polo seu devir durante o bipartito ou por algunhas actuacións “decepcionantes” no eido municipal, rendibilizando tamén a confusión xerada tras as escisións post-Amio. Neste sentido, resulta evidente que AGE vén de ocupar unha faixa importante do espazo social e electoral do cal o BNG aspiraba a ser, ou a seguir a ser, referencia.

Porén, AGE non acadou, ou non o fixo no nivel agardado, o seu propósito de recoller o voto abstencionista e das capas sociais máis desafectas coa política institucional. Ao contrario, boa parte do seu soporte electoral provén de voto transvasado desde PSOE e BNG, como demostra o feito de que a suma dos votos das tres forzas alternativas ao PP ficase por baixo do sumatorio entre PSOE e Bloque das pasadas eleccións e o incremento da abstención.

Mais tras o resultado, AGE enfróntase a importantes interrogantes. A candidatura nacida como “coalición técnica” terá que resolver se a unidade conxuntural entre Anova e máis EU, se consolida ou non. EU conta para si propia co respaldo da súa matriz estatal, que se implicou a todos os niveis coa campaña galega, e máis cunha estrutura organizativa (fundamentalmente arredor do PCG), da cal arestora carece Anova.

Resta por ver se o acordo de mínimos a respecto do carácter nacional de Galiza e do seu dereito á libre autodeterminación toma corpo nas posicións políticas, conxuntas, de AGE. Asemade, un punto de fricción será a referencia sindical da coalición, tendo en conta que a de EU é Comisión Obreiras, e a maioría das fileiras de Anova optan pola CIG, aínda que a unidade de acción entre ambas as dúas centrais e máis a UGT pode aminorar polo momento as controversias.

CxG queda fóra do Parlamento

Compromiso por Galicia, a segunda das principais candidaturas que concorrían por vez primeira a uns comicios galegos, ficou finalmente fóra do Parlamento. A candidatura, resultante da suma de Máis Galiza, forza escindida polo BNG, e sectores centristas e rexionalistas, como os representados por Rafael Cuíña ou Terra Galega, obtivo apenas o 1% dos sufraxios. Os algo menos de 15.000 votos que recibiu a candidatura liderada por Xoán Bascuas, sitúanse por baixo dos perto de 19.000 obtidos en solitario por Terra Galega en 2009. A candidatura 'galeguista' quedou como oitava forza, por detrás de UpyD, Escanos en Branco ou o partido de Mario Conde. A pesar do revés, dado que desde a precampaña aseguraban que obterían representación no Pazo do Hórreo, Compromiso por Galicia xa manifestou a súa intención de se presentar ás eleccións municipais previstas para o ano 2014.

Comentarios