Tres candidatos en debates de dous, sesenta minutos en intervencións de dous

O debate de Alberto Núñez Feijóo e Pachi Vázquez porá inicio hoxe ás 21.30 aos tres debates que enfrontarán por pares aos candidatos dos tres grupos con representación parlamentar. Serán encontros dunha hora de duración arredor de tres bloques temáticos e con intervencións de dous minutos.
Marga Pazos
photo_camera Marga Pazos



Despois de dezanove anos da realización do último debate político electoral, os tres encontros a dúas bandas que terán lugar o día 8, 9 e 10 veñen marcados polas difíciles negociacións previas máis a rigorosa división dos tempos, que, en principio, semella dar para moi pouco debate.

Retransmitido en directo pola TVG e a RG, os debates Feijóo-Vázquez, Vázquez-Jorquera e Feijóo-Jorquera, en días consecutivos, estarán estructurados en tres bloques temáticos -economía e emprego, servizos públicos e autogoberno- de 20 minutos cada un deles. Os candidatos poderán ter intervencións de dous minutos como máximo e consecutivas, co cal queda proibido os cortes ou as interpelacións no medio dos discursos.

Con estas normas ríxidas, para os candidatos que até agora ocuparon a oposición parlamentar ao goberno, os debates se lle presentan como unha posibilidade de expoñer os seus programas e as súas propostas, nun momento no que as críticas de “partidismo” arrecian sobre a TVG. Supón para eles, polo tanto, unha maneira de acadar espazo no ente público galego nun “pé de igualdade” imposíbel en telexornais e outros programas informativos.

Tratarase de encontros, polo tanto, moi controlados no que os opoñentes se atoparán fronte a fronte coa moderadora Marga Pazos de pé entre eles nun plató circular. A CRTVG emitiu neste sentido unha nota de prensa na que quixo deixar constancia das normas coas que se preparan os “trascendentais” cara a cara xa que mesmo sinalou que se “acordou que a temperatura do plató estea arredor dos 21º”.

O calendario finalmente aprobado é o día 8 de outubro,para os candidatos do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, e do PSdeG-PSOE, Pachi Vázquez; o martes, intervirán o aspirante do PSdeG-PSOE, Pachi Vázquez, e do BNG, Francisco Jorquera, e o mércores terá lugar o cara a cara de maior contraste entre os candidatos do PPdeG e BNG.

A CRTVG pautou mesmo a chegada de candidatos á sede de San Marcos, por orde decrecente en función dos votos obtidos no 2009. Cada grupo político poderá levar dez convidados e ábrese tamén a outros medios de comunicación. Os candidatos poderán facer unicamente fotos sen declaracións antes de entrar no debate.

A CRTVG explica que “en cada cara a cara, os candidatos disporán tamén de dous minutos de intervención inicial e dun minuto final de despedida, sen posibilidade de interpelación en ningún dos casos”.

Sarkozy e Hollande

Con case vinte anos sen debates, é unha incógnita como a audiencia galega responderá a súa emisión. Como referencia están os recentes debates da política francesa entre Sarkosy e Hollande nos que os analistas chegaron a falar de que se estaban a xogar máis do 10% dos votos. Daquela, Hollande atacou a xestión de goberno de Sarkozy fronte á intervención máis airada, nerviosa e mesmo faltona deste que acusou de “inexperto” aos seus contrincantes. Os inquéritos arredor do debate deron gañador a Hollande, o mesmo que posteriormente se fixo trunfador das eleccións.

Comentarios