Caras novas no Parlamento galego

Este lexislatura que agora comeza conta con novas caras no Parlamento galego. Son deputadas e deputados que no anterior mandato non estaban no Pazo do Hórreo e que este ano incorpóranse ao traballo polas súas respectivas formacións políticas.
Parlamento galego
photo_camera Parlamento galego

Partido Popular

A Coruña

Beatriz Mato: (A Coruña, 1965). Enxeñeira industrial con especialidade en Organización Empresarial na Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industrial de Bilbao. Foi delegada da Oficina Territorial do Ágape na Coruña. Deputada no Parlamento Galego desde o ano 2005. Conselleira de Traballo e Benestar desde o ano 2009. 

Rosa Quintana: (Brión, 1959). Doutora en Bioloxía. Foi xefa de sección de Inspección Pesqueira, xefa do servizo de Marisqueo, delegada territorial da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura en Vigo e directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos. Conselleira de Mar desde o ano 2009 e de Mar e Medio Rural desde 2012.

Miguel Tellado Filgueira: (Ferrol, 1974). Licenciado en Ciencias Políticas pola USC. Xefe de gabinete da Alcaldía do Concello de Ferrol (2011-2012). Foi xefe de gabinete da Consellería de Traballo e Benestar (2009-2011) e xefe de prensa do Concello de Ferrol (2003-2007).

Belén do Campo Piñeiro: (A Coruña, 1963). Deputada pola Coruña na V Lexislatura (1993-1996). Senadora pola Coruña entre 1996-2008. Deputada nacional pola Coruña na IX Lexislatura. Na actualidade, Delegada Territorial da Xunta na Coruña.

José Santiago Freire Abeijó: (Lousame, 1967). Licenciado en Veterinaria. Funcionario da Consellería de Sanidade e inspector veterinario de saúde pública. Alcalde de Lousame desde o ano 2003 até a actualidade e deputado provincial desde 2011.

María Dolores Faraldo Botana: (Betanzos, 1959). Licenciada en Medicina e Cirurxía. Máster en Xestión Sanitaria. Foi directora do servizo especial de urxencias do Sergas; ademais de secretaria de Organización do PP provincial, así como alcaldesa de Betanzos e vicepresidenta da Deputación da Coruña.

Aurelio Alfonso Núñez Centeno: (Carballo, 1958). Licenciado en Medicina pola USC. Médico por oposición desde 1983. Médico titular en Carballo desde hai 22 anos. Concelleiro do grupo popular no Concello de Carballo.

Álvaro Pérez López: (A Coruña, 1973). Licenciado en Dereito, Diplomado en Ciencias Empresarias e Master en Dereito Comunitario. Foi director xeral do Gabinete da Presidencia da Xunta na última Lexislatura. Con anterioridade traballou como colaborador de Alberto Núñez Feijóo na súa etapa como vicepresidente da Xunta e conselleiro de Política Territorial.

Jesús Miguel Prado Patiño: (Frades, 1957). Autónomo no sector da hostelería até 1997. Secretario do xulgado de Frades durante sete anos. Deputado provincial desde o 2001 a 2007. Alcalde de Frades desde o ano 87.

Hipólito Fariñas Sobrino: (Narón, 1960). Profesor no colexio Luís Vives de Pontedeume. Candidato en Narón ás eleccións municipais nos anos 1995, 1999 e 2003. Deputado nacional en Madrid. Presidente do Partido Popular de Narón desde o ano 94 ata 2005. Concelleiro do grupo municipal popular en Narón.

Lugo

Raquel Arias Rodríguez: (Sober, 1966). É licenciada en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid. Alcaldesa do seu concello durante unha década, foi tamén deputada, autonómica e provincial en distintas etapas antes de asumir a responsabilidade de poñer en marcha a Delegación Territorial da Xunta en Lugo.

José Manuel Balseiro Orol: (Ferreira do Valadouro, 1962) Foi director comercial dunha empresa durante 16 anos, e coordinador do equipo de venda no Estado español e Portugal. Durante as dúas últimas lexislaturas foi deputado autonómico do PPdeG pola provincia de Lugo. Nesta última, ademais, foi elixido como Secretario da Mesa do Parlamento.

Susana López Abella: (Chantada, 1967) Realizou estudos de Ciencias Empresariais na Facultade de Empresariais de Vigo. Colexiada en Xornalismo, foi delegada e locutora de Radio Faro Chantada (Cadena SER) entre os anos 1990-99. Foi deputada no Parlamento. Na lexislatura que remata, foi secretaria xeral de Igualdade da Xunta.

Jaime Íñiguez Martinez: (Sarria, 1958). Licenciado en medicina pola USC. Médico de familia en Sarria desde o ano 1990. Concelleiro do PP pola anterior lexislatura, na actualidade é membro da Executiva local.

Vidal Martinez: (São Paulo, Brasil, 1960). Licenciado en Veterinaria pertence ao Corpo Superior Facultativo da Xunta. Alcalde de Lourenzá, durante esta lexislatura foi tamen xefe territorial da Consellería do Mar el Lugo até o ano 2010.

Pontevedra

Alfonso Rueda: (Pontevedra, 1968). Licenciado en Dereito pola USC. Funcionario de Administración Local, foi secretario nos concellos de Cervantes, A Cañiza e Cambados. Director xeral de Administración Local da Xunta no 2000 e Secretario Xeral do PPdeG en 2006. Conselleiro de Presidencia desde 2009.

Javier Guerra: (Vigo, 1964), Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola USC. Empresario. Concelleiro Delegado de Economía, Facenda, Persoal, Patrimonio e Contratación en Vigo, en 2008 foi elixido deputado no Congreso por Pontevedra, cargo no que cesou en 2009 para ser nomeado conselleiro de Economía e Industria.

Elena Muñoz: (Madrid, 1971), Licenciada en Ciencias Económicas pola Universidade de Vigo, na especialidade de Economía Pública. Exerceu como xefa do Servizo de Fiscalización e Contabilidade na Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e no Servizo de Control Financeiro de Operacións Correntes. Desde xaneiro de 2012 foi conselleira de Facenda da Xunta.

Agustín Hernández: (Madrid, 1961). Enxeñeiro de Camiños, Canles e Portos pola Universidade Politécnica de Madrid é funcionario do Corpo facultativo Superior da Xunta e diplomado pola Escola Galega de Administración Pública. Conselleiro desde 2009 de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

José Manuel Coures: (Oubiña-Cambados, 1958) Foi vicepresidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas. En 1987 foi tenente alcalde de Cambados e en 1998 accedeu á alcaldía deste concello, cargo que desempeñou até 2009, cando foi nomeado delegado territorial da Xunta. Tamén foi senador por Pontevedra.

María Nava Castro: (Ponteareas, 1969) Licenciada en Filoloxía Hispánica. Aos 23 anos pon en marcha Novas Xeracións en Ponteareas e en 1997 é elixida deputada autonómica. Foi tenente alcalde de Ponteareas. En 2008 foi elixida deputada no Congreso e logo directora xeral de Comercio da Xunta.

Berta Pérez Hernández: (Cangas, 1974). É diplomada en Fisioterapia pola Universidade de Vigo. Tenente de alcalde no Concello de Cangas desde 2011.

Ourense

Jesús Vázquez Abad: (Nuremberg, 1967). É Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola USC. Foi administrativo no Banco Gallego S.A. Foi deputado do PP por Ourense no Congreso desde 2008 a 2009, ano no que foi nomeado conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta. En xaneiro de 2012 pasou a asumir tamén as competencias de cultura.

Carmen Pardo López: (París, 1971). Licenciada en Ciencias Económicas e Empresariais pola USC, doutorada en Turismo pola Universidade Antonio de Nebrija e máster en UE. Foi teniente de alcalde de Verín dende 2007 e Directora Xeral para o Turismo da Xunta desde 2009.

Antonio Mouriño Villar: (Celanova, 1954) Administrativo de profesión, é alcalde de Celanova dende 1991 e deputado provincial dende 1995. Foi presidente do Inorde entre 1999 e 2007 e é o actual presidente da Fundación Curros Enríquez. Membro do Comité de Dirección Provincial do PP de Ourense.

Moises Blanco Paradelo: (O Barco, 1977). Diplomado en Ciencias da Educación, especialidade en Educación Musical pola USC, é mestre de Educación Primaria do Colexio Divina Pastora do Barco. Concelleiro do PP de O Barco dende 2003, sendo candidato á alcaldía en 2007 e 2011. Deputado Provincial entre 2007 e 2011.


PSOE

A Coruña

Francisco Caamaño Dominguez: (Cee, 1963) foi ministro de Xustiza do Estado español entre 2009 e 2011. Licenciado e doutor en Dereito pola USC, na que era profesor axudante e profesor titular de Dereito Constitucional.

José Antonio Sánchez Bugallo: (Teixeiro, 1954) foi alcalde de Compostela desde decembro de 1998 até as eleccións municipais de 2011.

Lugo

Juan Carlos González Santín: (Lugo, 1967). Foi director na tesoureria da Seguridade Social en Lugo como funcionario do corpo superior de Intervención e Contabilidade da Administración da Seguridade Social. É secretario de Organización do PSOE de Lugo.

José Ramón Val Alonso: (Foz, 1980). Licenciado en Ciencias Políticas e da Administración pola USC (1999-2004), con postgrao en Especialización en Economía Pesqueira tamén na USC (2005). En 2006 foi nomeado Delegado Territorial da Consellería de Pesca en Lugo, cargo que desempeñou até 2009.

Vicente Docasar Docasar: (Monforte de Lemos, 1957): Profesor desde hai 30 anos, actualmente era director do IES Daviña Rei de Monforte. Responsábel da federación de ensino de UGT en Monforte.

Pontevedra

Patricia Vilán Lorenzo: (Pontevedra, 1970): Licenciada en Dereito pola USC e profesora do programa de maiores da Universidad de Vigo desde 2006. Membro da Executiva local del PSOE pontevedrés.

Pablo García García: (Silleda, 1972): Diplomado en Maxisterio, foi secretario de Organización de Unións Agrarias entre 2003 e 2009. Na actualidade era responsábel de Organización do PSdeG e senador por designación autonómica.

Ourense

Raúl Fernández Fernández: (Castrelo do Val, 57 años): Mestre de Educación Primaria desde 1982, foi alcalde de Castrelo do Val entre 1987 e 2005, cando foi designado delegado territorial da Consellería de Política Territorial. É o secretario provincial do PSdeG de Ourense.

BNG

A Coruña

Francisco Jorquera Caselas: (Ferrol, 1961). Licenciado en Xeografía e Historia pola USC, membro fundador dos Comités Abertos e militou na Asemblea Nacional-Popular Galega até 1982. Foi senador (2005-2008) e deputado pola provincia da Coruña e portavoz do BNG  no Congreso desde 2008.

Lugo

Cosme Pombo Rodríguez: (O Incio, 1956). Mestre de primaria no CEIP Frei Luís de Granada de Sarria. Foi concelleiro e portavoz municipal do BNG no Concello do Incio dende 1995 a 2007 e deputado provincial na Deputación de Lugo de 1995 a 2003. Vinculado ao mundo asociativo e cultural, é membro fundador da Asociación Cultural A Ouriceira e do grupo Xarín, gaiteiros do Incio.

Pontevedra

Montse Prado Cores: (Cambados, 1965). Diplomada en Maxisterio e licenciada en Xeografía e Historia pola USC. Traballaba como celadora do Sergas até a súa dedicación exclusiva á política, na actualidade é a secretaria de organización do BNG e membro da súa executiva nacional. 


AGE

A Coruña

Xosé Manuel Beiras: (Compostela, 1936), político e economista, portavoz nacional de Anova Irmandade Nacionalista. Catedrático de Estructura Económica da Facultade de Ciencias Económicas na USC e ex académico numerario da RAG.

Yolanda Díaz: (Fene, 1971) Coordinadora da federación galega de Izquierda Unida (Esquerda Unida-Izquierda Unida) desde 2005. Licenciada en Dereito pola USC. Foi primeira tenente alcalde de Ferrol até 2008.

Antón Sánchez García: (Filipinas, 1974). Enxeñeiro agrícola e horticultor ecolóxico, membro activo do Sindicato Labrego Galego. concelleiro en Bergondo (A Coruña).

Xavier Ron Fernández: (Francia, 1969). Licenciado en Filoloxía Románica pola USC, é docente de lingua francesa no instituto de Pontecesures. Activista político e social, milita no Partido Comunista. Coordinador de EU-IU en Compostela.

Lugo

Ramón Vázquez Díaz  (Lugo, 1973) É mestre e orientador de Primaria. Nas anteriores eleccións municipais foi o número dous de EU-IU por Lugo.

Pontevedra

Juan Manuel Fajardo Recouso: (Vilagarcía de Arousa, 1974). Concelleiro en Vilagarcía por Izquierda Unida-Esquerda Unida, é traballador informático.


Consuelo Martínez García: (Vigo, 1961). Diplomada en Maxisterio e Enfermería, traballou en Povisa até 2009, empresa na que foi delegada sindical. Está vencellada ao sindicalismo nacionalista.



Eva Solla: (Vigo, 1984) Enfermeira do Complexo Hospitalario de Vigo, responsábel de Saúde de Esquerda Unida-Izquierda Unida de Vigo.

Ourense

David Fernández Calviño: (Ourense, 1979). Científico de profesión, profesor da Universidade de Vigo. Foi concelleiro nacionalista en Toén tres lexislaturas.

Comentarios