Os consensos de PP e PSOE ensombrecen o cara a cara de hoxe entre Pachi Vázquez e Feijóo

As principais reformas aprobadas nos últimos anos contaron coa complicidade dos dous grupos políticos maioritarios. PP e PSOE pactaron boa parte das medidas que supeditaron a economía aos intereses do capital financeiro. Estes acordos atenuarán, e moito, o contraste electoral no cara a cara entre os candidatos do PSdeG e PP á Presidencia da Xunta que TVG e RG retransmitirán desde as 21:30h.

A poucas horas de comezar o primeiro debate electoral que poñerá fronte a fronte aos candidatos do PP e do PSOE, recuperamos os grandes acordos aos que ambas as dúas forzas políticas chegaron nestes últimos anos e que ensombrecen o contraste que terá lugar no cara a cara. Os pactos asinados polos que din ser os dous grandes partidos, dan conta da complicidade ideolóxica que comparten.

Desde o estourido da crise económica e financeira en 2008 --após a caída dunha das maiores entidades financeiras mundiais, Lehman Brothers, da que o agora ministro de economía Luis de Guindos foi director no Estado español-- o Partido Popular e o PSOE mantiveron importantes consensos nas cuestións fulcrais para as economías galega e española. Porén, algunhas das principais fraudes financeiras como a das preferentes, foron autorizadas con anterioridade por estes dous partidos. 

Neste senso, foron diversas as ocasións nas que os dous partidos políticos con maior representación parlamentar mantiveron idénticos posicionamentos e sacaron adiante medidas que, aínda contrarias aos intereses das maiorías sociais, foron apoiadas polo que algunhas persoas denominan 'PPSOE'.

  • Lei 19/2003: a orixe da fraude das preferentes

Se botamos a ollada atrás, en 2003, o daquela goberno liderado por José María Aznar, aprobaba coa compracencia do PSOE e CiU, a Lei 19/2003 pola que se regulaba a emisión de Participaciós Preferentes. Após debateren e aprobaren de maneira conxunta a devandita lei, ambas as dúas forzas políticas facían extensíbel a comercialización deste tipo de produtos financeiros entre as persoas aforradoras --para alén dos inversores--. Aliás, PP e PSOE acordaron que a nova norma introducise varias disposicións encamiñadas a salvagardar os intereses das entidades financeiras fronte ao carácter fraudulento das participacións. Neste senso, aprobaron a aplicación dunha amnistía fiscal e penal para as preferentes emitidas con anterioridade á aprobación da lei impedindo que as investigacións abertas pola Fiscalía Anticorrupción puidesen pór fin ao que, anos despois, se amosou como unha das maiores estafas do noso país que conta a día de hoxe con máis de cincuenta mil persoas afectadas.

  • A reforma da Constitución e o sometemento da economía aos intereses dos mercados

 A aprobación na Comisión Europea --en xullo de 2012-- do Tratado de Estabilidade, Coordinación e Gobernanza na UE --que xa contaba nas institucións comunitarias co visto e prace dos dous grupos políticos-- amosou un dos acordos de maior trascendencia política dos últimos anos entre PP e PSOE. De acrodo co disposto no TECG, os gobernos comunitarios ou "partes contratantes" debían incorporar as disposicións do tratado aos seus ordenamentos xurídicos --preferentemente con rango constitucional-- e fixar un teito de gasto público que non superase o 0,5% do seu PIB, aliás, o acordo fixaba a orbriga de priorizar o pagamento da débeda contraída con entidades financeiras privadas, a calquera outro  investimento e gasto público (pensións, ensino, sanidade, dependencia...) de acordo co disposto no artigo 3.2 do Tratado de Estabilidade tamén coñecido como Pacto fiscal.

Neste senso, o goberno español encabezado por José Luis Rodríguez Zapatero, pactaba unha reforma de urxencia da Constitución española --cunha tramitación de 48 horas-- pola que se modificaba o artigo 135 da Carta magna. O cambio introducido no texto constitucional --que unicamente contou co apoio das dúas organizacións políticas maioritarias-- exixía a adecuación das actuacións de todas as administracións públicas ao 'principio de estabilidade orzamentaria', limitando a súa capacidade de investimento. 

  • A reforma da Lei de caixas. O desmantelamento do aforro galego

En xullo deste mesmo ano, PP e PSOE votaban a favor nas Cortes españolas da reforma da Lei de caixas. A norma permitiu a entrada de inversores privados no seu capital pasando estes a obter dereitos políticos proporcionais ás súas cotas de participación.

A privatización das caixas puxo fin ao límite que tradicionalmente condicionaba a tenencia de cotas por un mesmo partícipe ao tempo que se impedía a participación de cargos eleitos nos seus consellos de administración.

A aprobación desta reforma foi aplicada ás dúas princpais caixas galegas --Caixa Nova e Caixa Galicia-- que serían bancarizadas con posterioridade até se converter en Nova Galicia Banco. Núñez Feijóo foi alén do que o seu propio partido no Parlamento español, e modificaría --de urxencia-- a lei para permitir que os directivos das caixas puidesen perdurar nos seus cargos após a fusión.

Comentarios