Polémica pola intervención de Yolanda Díaz en español no acto de AGE da Coruña

Choven as críticas desde o mundo da cultura e sectores do independentismo que simpatizan con AGE polo feito de que a candidata se expresase en español durante o enncontro en que participaron representantes de Syriza e Front de Gauche.
Beiras e Díaz con representantes da Front de Gauche e Syriza e o eurodeputado Willy Meyer
photo_camera Beiras e Díaz con representantes da Front de Gauche e Syriza e o eurodeputado Willy Meyer

Que Yolanda Díaz prescindise do galego na súa intervención no encontro internacional que a Alternativa Galega de Esquerda realizou na Coruña tería provocado malestar dentro das filas da AGE. En especial no sector independentista, onde varias persoas manifestaron a súa queixa porque a súa candidata cambiase ao español argumentando a presenza dun membro da francesa Front de Gauche e outro de Syriza.

“En deferencia a ellos...” así desculpou Yolanda Díaz a súa intervención en español no acto. A presenza dos representantes da Front de Gauche e de Syriza foi o argumento empregado pola candidata da coalición entre EU e Anova para non falar en galego , lingua que só empregou para saúdar e en dúas palabras do seu discurso, no medio da frase en que denunciou “ataques a nuestra identidad, a nuestra cultura e á nosa lingua”. En troques, o tamén candidato Xosé Manuel Beiras fixo a súa intervención no noso idioma.

O episodio provocou malestar para algúns dos membros de AGE, moito máis cando ao día seguinte era o propio presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, quen ía intervir no mítin de Cangas. Foi precisamente a figura de Ferrín, entre outros factores, a que atraeu para a AGE a persoas do mundo da cultura que, en toda a súa traxectoria tiveron na normalización lingüística un eixe de defensa política e cultural. O mesmo acontece en históricos militantes independentistas que por vez primeira apoian unha forza política que se presenta en español nun acto central como foi o da Coruña.

'Paracaidismo electoral' en español

Esta está a ser a campaña en que a presenza do español está a ter máis forza. Súmase o desembarque de líderes de Madrid como Rubalcaba, Eduardo Marina, José Griñán do PSOE; Cayo Lara, Llamazares e Willy Meyer de Izquierda Unida; Rosa Díez e Toni Cantó de UPyD ou Arenas, Soria, Ana Pastor e Rajoy do Partido Popular, con intervencións en español mália seren tanto a ministra como o presidente de Pontevedra.

Tamén por vez primeira unha candidatura está a facer toda a súa campaña en Galiza en español, Sociedad Civil y Democracia, o partido de Mario Conde. UpyD ten tamén no castelán a lingua predominante das súas intervencións públicas.

Comentarios