AGE recibe o apoio dos aliados europeos de Izquierda Unida

Representantes de Syriza e a Front de Gauche, canda o eurodeputado de IU –Willy Meyer, participaron dun Encontro Internacional organizado pola Alternativa Galega de Esquerda na Coruña.
Beiras e Díaz con representantes da Front de Gauche e Syriza e o eurodeputado Willy Meyer
photo_camera Beiras e Díaz con representantes da Front de Gauche e Syriza e o eurodeputado Willy Meyer


Esta sexta feira a Alternativa Galega de Esquerda recibiu o apoio de representantes de forzas políticas da esquerda europea. No Encontro Internacional organizado por AGE na Coruña participaron, ademais de Beiras e Yolanda Díaz, José Cordón da francesa Front de Gauche --que na segunda volta das presidencias deu soporte ao socialista Hollande--, Stavros Karagkounis da grega Syriza e o eurodeputado de Izquierda Unida, Willy Meyer.

Tanto a Front de Gauche como Syriza son forzas de vello aliadas de Izquierda Unida. Ambas fan parte --no caso da FG dous dos partidos que a integran, PE e PCF-- do Partido da Esquerda Europea, unha coalición de partidos de esquerda da que Maite Mola, do Partido Comunista de España, é vicepresidenta e coordinadora política.

De aí que non causase sorpresa a complicidade exhibida no encontro, no que o representante de Syriza cualificou a coalición entre EU e Anova como exemplar chegando a afirmar que “se en Grecia dicimos que o cambio en Europa comeza no sur, na península dicimos que o cambio comeza no norte”. Karagkounis puxo de relevo a importancia dos comicios do 21-O. Importancia que transcendería das nosas fronteiras, xa que na súa opinión “se Galiza di non [ás políticas de austeridade] a mensaxe estenderase a toda Europa”

José Cordón amosouse certo de que a “esquerda alternativa, social e ecolóxica” recollerá grandes éxitos, sinalando “o respecto da soberanía popular” como o alicerce sobre o que debería principiar a “refundación” de Europa.

Pola súa banda, Yolanda Díaz afirmou sentir orgullosa de que algúns medios de comunicación se referisen a AGE como a “Syriza galega” e defendeu a necesidade dunha fronte social para “derrocar aos poderes oligárquicos europeos que queren obrigar ao pobo ao suicidio”. Xosé Manuel Beiras denunciou na súa intervención que “Feijóo, Rajoy e Merkel son parte dun problema común que precisa dunha unión internacionalizada”.

Comentarios