Feijóo evita a foto con Rajoy e Rubalcaba presenta o programa de Pachi

Mentres Rajoy falaba nun acto en Ourense, Feijóo participaba noutro na Coruña. Rubalcaba fixo parte do acto de presentación do programa do PSdeG e aproveitou o seu paso por Galiza para lanzar discurso en chave estatal.
Pachi Vázquez e Rubalcaba onte na Coruña
photo_camera Pachi Vázquez e Rubalcaba onte na Coruña

Ben diferentes son as estratexias de campaña do PP e do PSOE no que se refire ao papel nestas dos seus máximos dirixentes estatais.

O Partido Popular quere evitar por riba de todo que se identifique ao seu candidato co Presidente do Goberno español, de aminorar o chamado efecto “Feijóoi” como o alcumou Francisco Jorquera, malia que ambos partillen a mesma política de recortes. Onte ese criterio materializouse dun xeito insólito. En plena precampaña, Mariano Rajoy falaba nun acto en Ourense, mentres que Feijóo facía o propio na Coruña. 175 quilómetros de distancia para evitar unha fotografía conxunta que @s populares entenden agravaría as súas xa difíciles expectativas electorais cara o 21-O.

Confirma esa intención o feito de no web do PPdeG non haxa ningunha referencia ao acto de Ourense no que participou Rajoy. Tampouco colgaron ningunha fotografía no web estatal, onde apenas figura un sucinto texto dando conta da intervención do Presidente do PP no encontro coa militancia ourensá do que Baltar foi anfitrión.

No extremo contrario áchase o deseño de campaña do PSdeG. @s socialistas celebraron onte un acto na Coruña onde contaron coa presenza do secretario xeral do PSOE, Alfredo Pérez Rubalcaba.

A intervención do líder estatal no acto de presentación do programa electoral do PSdeG mereceu unha ampla cobertura, mesmo ofrecendo sinal en directo vía satélite. A crónica do mesmo --así como as fotos conxuntas-- figuran nos webs galego e estatal. Inda que nesta última asignaron por erro a nova á agrupación de Coria, en Extremadura, en lugar da Coruña. Na páxina do PSOE recóllese ademais un vídeo coa intervención de Rubalcaba quen aproveitou o seu paso por Galiza para lanzar discurso en chave estatal.

Comentarios