Beiras afirma que “non hai españolistas e galeguistas, son unhas eleccións”

O candidato número un da Alternativa Galega de Esquerda pola Coruña fixo esta afirmación nun acto que a coalición entre Esquerda Unida e Anova realizou en Ourense. Yolanda Díaz celebrou a unidade de “tantos homes e mulleres diferentes, pero de esquerdas” que na súa opinión representa AGE.
Yolanda Díaz e Xosé Manuel Beiras
photo_camera Yolanda Díaz e Xosé Manuel Beiras


A Alternativa Galega de Esquerda desenvolveu esta sexta feira o seu primeiro acto en campaña electoral na cidade de Ourense. Nel participaron Carmen Iglesias Sueiro, David de Toen, Yolanda Díaz e Xosé Manuel Beiras. A organización asegurou que superaron en aforo o público asistente ao mitin de Rubalcaba en Cerceda.

A candidata e coordinadora de EU, Yolanda Díaz, encetou a intervención con palabras de ánimo para Xesús Pintos, o responsábel comarcal da CIG de Ferrol que foi detido e maltratado pola policía no arranque mesmo da campaña. “Tentan levar todas as mobilizacións ás cadeas. Estamos en guerra” aseverou.

Díaz fixo mención a algunhas das propostas electorais de AGE, como a aposta por unha fiscalidade progresiva. Malia que a enquisa do CIS só lle outorga un deputado pola provincia da Coruña, e o 3,9% dos votos a nivel galego, a número dous da coalición entre EU e Anova dixo que “cando cheguemos á Xunta derrogaremos a Lei de protección á familia, feita polo Opus Dei” asegurando que actuarán como “unha brigada de demolición normativa”.

Díaz e Beiras celebran a súa coalición

Yolanda Díaz expresou a súa satisfacción pola coalición conformada con Anova, malia as críticas recibidas polo nacionalismo e sectores do soberanismo que participaran inicialmente no proxecto liderado por Beiras, que denunciaron a “obediencia estatal” da nova forza. “É un orgullo que esteamos mesturados tantos homes e mulleres diferentes, pero de esquerdas" dixo.

Neste senso, o propio Xosé Manuel Beiras sumouse á mensaxe da líder de Esquerda Unida afirmando que o acordo do que naceu AGE, supuxo “pasar unha fronteira que se convertera nun tabú. Non hai españolistas e galeguistas, son unhas eleccións que constitúen un episodio no camiño cara á fin dun réxime político que está en putrefacción”. Deste xeito o que fora portavoz nacional do BNG e o seu cabeza de cartel durante anos, abxuraba publicamente do principio de autoorganización que outrora defendera con vehemencia precisamente contra quen hoxe son os seus socios electorais.

Beiras centrou a súa intervención na defensa da anteposición da ética á política, afirmando que a coalición da que é cabeza de lista pola Coruña vai “abrir un novo ciclo histórico”.

Comentarios