A Covid-19 fai emerxer as potencialidades do sector biotecnolóxico galego

O sector biotecnolóxico da Galiza é aínda un gran descoñecido para boa parte da poboación. A encarga da fabricación dunha vacina para a Covid-19 ao grupo Zendal, con sede no Porriño, puxo de manifesto o enorme potencial do país nesta materia, na que empeza a emerxer como un territorio punteiro. 

 

Laboratorio da USC (Foto: Arxina).
photo_camera Laboratorio da USC (Foto: Arxina).

O grupo Zendal, con sede no Porriño é un dos xigantes do sector biotecnolóxico galego, mais até que transcendeu a nova de que sería a encargada da produción industrial do antíxeno da vacina para a Covid-19 de Novavax na Unión Europea era unha gran descoñecida para a maioría da poboación. E é que moita xente na Galiza non ten idea o potencial dun ecosistema de 108 empresas que move preto de 400 millóns de euros de facturación (380 segundo as contas consolidadas de 2018) e leva medrando arredor de 10% anual desde 2016, tanto en emprego, como en facturación como en creación de empresas.

Como explica a Nós Diario Julio Martínez, xestor de proxectos do Clúster Tecnolóxico e Empresarial das Ciencias da Vida da Galiza (Bioga), "as previsións de 15% de crecemento en emprego, 20% en facturación e 5% en creación de empresas contempladas na Estratexia de Impulso á Biotecnoloxía xa se cumpriron antes de chegar a final de 2020". Na actualidade o clúster traballa na estratexia de consolidación do sector para o período 2021-2025, no que a introdución de conceptos como o da economía circular será unha das novidades. 

O obxectivo nos vindeiros anos consistirá, pois, dotar de maior dimensión as actuais empresas, moitas delas micropemes, e aproveitar as potencialidades en sectores como os da produción agrícola, forestal e mariña. "O viño e a cervexa son o máis biotecnolóxico que hai, xa que aproveitan organismos vivos para fabricar produtos novos", afirma Martínez. "A biotecnoloxía pode ser ademais transversal e útil para que empresas tradicionais poidan innovar nos seus produtos", apunta. 

Máis firmas e maiores

Proba do dinamismo deste sector é que Galiza foi, xunto con Euskadi, o segundo territorio do Estado español onde máis empresas biotecnolóxicas se crearon o pasado ano. "En canto a facturación e emprego non estamos aínda ao nivel de cataláns e vascos, pero pouco a pouco imos conseguíndoo", recoñece o xestor de proxectos do clúster.

Zendal e Monza son os dous xigantes biotecnolóxicos no país. Por detrás deles están empresas medianas como Nanogap, GalChimia ou AMSLab, que nos próximos anos "irán tirando do sector". 

A pandemia da Covid-19 está a representar unha oportunidade para moitas das empresas e centros tecnolóxicos que integran o clúster, que están a gañar en tamaño e relevancia ao calor desta crise.

Ademais de Zendal, a vacina da Covid-19 pode ter tamén acento galego. No Ciqus de Compostela, os equipos de José Martínez Costas e Javier Montenegro, están a traballar no desenvolvemento dun antíxeno. Tamén no Campus Vida, no Cimus, os equipos de María José Alonso e Mabel Loza tratan de dar coa vacina. No Estado español estanse a investigar 12 vacinas "e nos temos 3, o que dá mostra da calidade dos nosos centros de investigación", afirma Martínez.

Mais tamén hai empresas dentro do clúster que están a achegar solucións para cuestións relacionadas co virus. Unha delas e o Instituto de Estudos Celulares e Moleculares (ICM), situado no polígono lugués das Gándaras, que ideou unha solución técnica para detectar a Covid-19 a partir da saliva que se pode facer na casa. Ademais, ese mesmo test podería identificar outros virus como o da gripe e aclarar así as posíbeis dúbidas dunha sintomatoloxía. 

Glecex, unha empresa con sede en Ourense, está a punto de lanzar ao mercado produtos cosméticos con compoñentes antivirais que actúan como inhibidores do virus. En Vigo, a firma Creativigo desenvolveu unha cámara termográfica que permite o control de acceso a lugares públicos ou privados con monotorización de temperatura a través dunha identificación dixital con recoñecemento facial.

Innovación no rural

O bo da biotecnoloxía é que estas empresas poden xurdir en calquera lugar. Na Costa da Morte, a firma Gerifarma vén de lanzar ao mercado unha máscara de protección especialmente deseñada para crianzas e que tamén se comercializa para adultos, fabricada con tecidos vexetais e compostábeis, co que elimina o problema da súa xestión como residuo. 

En Melide, Galacteum é unha referencia na innovación no sector lácteo, e moi vencellada ao mundo rural está tamén Intechterm, unha firma capaz de predicir enfermidades no gando con intelixencia artificial. 

Estes son solo algúns exemplos das múltiples innovacións que se están a levar a cabo na Galiza, onde a colaboración entre centros de investigación e empresas é cada vez maior. 

Comentarios