A Xunta bendí a factoría de viscosa en Cervo mentres nega alternativas para Ence

Altri escolle A Mariña para a instalación dunha planta de fibra téxtil de orixe forestal mentres Ence nega a posibilidade de traslados.
Vista da factoría de Ence en Pontevedra. (Foto: Europa Press)
photo_camera Vista da factoría de Ence en Pontevedra (Foto: Europa Press).

A construción dunha planta para a produción de fibra téxtil de orixe forestal é un dos proxectos estrela que a Xunta quere impulsar cos fondos Next Generation. Altri, unha firma portuguesa, ao contrario do que se pensaba nun principio, cando todas as miradas apuntaban a Ence, parece ser a elixida para levar a cabo o proxecto, ao que tamén está vencellado o xigante téxtil galego Inditex.

Impulsa Galiza, a sociedade público-privada para a xestión dos fondos europeos na que participan a Xunta, Abanca, Reganosa ou Sogama, xa ten un acordo co grupo portugués para que se converta no socio investidor e tecnolóxico deste proxecto, que prevé producir 200.000 toneladas anuais de fibras téxtiles sostíbeis (lyocell ou viscosa entre outras), o que representa 3% da demanda mundial.

No memorando de entendemento entre ambas as partes tamén figura a procura dun emprazamento adecuado para a mesma. A Mariña, e máis concretamente o concello de Cervo, onde tamén se asenta Alcoa, parecen ser o lugar que figura como primeira opción para levantar este complexo industrial.

O propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, anunciou durante o debate sobre o estado da nación que "se é viábel" proporá que a fábrica de fibras téxtiles se emprace na Mariña, pois suporía a creación de 1.500 postos de traballo directos e 6.500 indirectos nunha zona castigada pola crise industrial que afecta empresas como Alcoa e Vestas.

Contrasentidos 

O feito de que o presidente da Xunta defenda a posibilidade de que unha planta de celulosa se instale na Mariña contrasta coas declaracións do seu conselleiro de Economía, Francisco Conde, que hai unhas semanas validaba os argumentos doutra pasteira, Ence, para xustificar que non existía na Galiza emprazamento alternativo algún para levar a cabo un traslado desde a súa actual localización en Pontevedra. 

No informe encargado por Ence a Idom, a firma aseguraba que "non é posíbel" o traslado da planta de Lourizán a ningunha das 441 áreas empresariais que contempla o plan sectorial da Xunta e que, segundo apuntaban desde a empresa, son os únicos lugares do país onde se pode instalar unha factoría destas características.

A única alternativa á execución da sentenza que declarou ilegal a prórroga da concesión dos terreos sobre os que se asenta a pasteira pasa por adscribilos ao Porto de Marín, capitaneado polo marido de Ana Pastor, José Benito Suárez Costa, e amigo íntimo do ex presidente Mariano Raxoi, que foi o que lle concedeu a prórroga ilegal.

Esta é a proposta que defenden tanto Ence como a Xunta e sobre a que agora terá que pronunciarse o Consello Consultivo. O que xa se manifestou ao respecto foi o Goberno español, que na reunión da mesa industrial desta sexta feira presentou varios informes xurídicos cos que demostraron a inviabilidade desta manobra desesperada da Administración galega por evitar que Ence leve a Navia a produción. 

Precisamente na localidade asturiana a empresa está a acelerar os seus plans para activar unha unidade de viscosa á vista da competencia que lle pode xurdir desde Galiza.

Comentarios