Lores acusa Feixoo de caer nun contrasentido: non é posíbel mover Ence pero quere outra pasteira

O alcalde de Pontevedra ve "contradicións absolutamente flagrantes" nos discursos do presidente da Xunta.
Protesta contra a permanencia de Ence na ría, no mes de xullo. (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)
photo_camera Protesta contra a permanencia de Ence na ría, no mes de xullo. (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, subliñou publicamente esta segunda feira as “contradicións absolutamente flagrantes” do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, ao abrir a porta a unha segunda industria pasteira na Galiza ao tempo que asegura “que non hai alternativa de localización ao traslado” da factoría de Ence en Lourizán.

Feixoo aludía ao interese nunha segunda industria após o Consello da Xunta da semana pasada, pero ao ver esa posibilidade de instalar outra factoría ao tempo que se insiste en que Ence non pode someterse a un traslado porque non hai outra localización que se adecúe as necesidades o malestar chegou desde distintos ámbitos.

Para o alcalde de Pontevedra resulta "absolutamente alucinante" que "ao mesmo tempo, diga unha cousa e a outra" e preguntou "se queren tomar por parvos os cidadáns".

Neste sentido, insistiu en que "non é serio nin responsábel" por parte de Feixoo, ao que acusou de "manipular a cidadanía cunhas declaracións que son absolutamente fraudulentas".

O rexedor nacionalista lembrou que o Goberno galego "ten todas as competencias para buscar alternativas" para un emprazamento á fábrica de celulosas da ría e acusouno de facer “abandono de funcións, sabendo que se tiña que ir no 2018". 

Lores destacou que, se o concello tivese as competencias en industria e ordenación do territorio, sería capaz "non de manter os cincocentos postos de traballo da empresa, senón de crear eses 5.000" no Concello "que di Ence que ten".

"O PP está a defender os intereses da empresa e non os intereses xerais da cidadanía, como debería facer unha forza política que está no goberno", afirmou. O pasado mes de xullo, a Audiencia Nacional declarou ilegal a prórroga concedida polo Goberno de Mariano Raxoi en funcións a Ence.

Comentarios