A adscrición de Ence ao Porto de Marín, imposíbel "por razóns de inviabilidade xurídica"

O secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, lembrou esta sexta feira que xa existía un informe de 2005 rexeitando a proposta do Goberno de Alberto Núñez Feixoo. Porén, aceptou pedir un estudo sobre posíbeis novas localizacións para o traslado da celulosa desde a ría de Pontevedra. Ademais, non descartou que se fornezan fondos para a mudanza.
Protesta do cadro de persoal de Ence. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press)
photo_camera Protesta do cadro de persoal de Ence. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press)

O Goberno do Estado español acabou por descartar a idea da Xunta de abscribir os terreos que ocupa a factoría de Ence na ría de Pontevedra para poder evitar o traslado da mesma ao Porto de Marín "por razóns de inviabilidade xurídica".

O secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, explicou nesta sexta feira que a proposta do Executivo de Alberto Núñez Feixoo está "descartada" como xa o estivo cando se propuxo en 2005, apelando a un informe xurídico encargado ese mesmo ano polo Concello de Pontevedra.

"As condicións xurídicas non variaron", remarcou ao respecto. Así, a realidade é que a compañía pasteira tería que fechar a súa fábrica en Lourizán se o Tribunal Supremo ratifica a sentenza da Audiencia Nacional que anulou a prórroga da concesión.

O representante do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico aludiu a esta cuestión na mesa de traballo sobre o futuro de Ence que volveu a reunirse na Subdelegación do Goberno español en Pontevedra, mentres un grupo de traballadores concentrábase no exterior do edificio.

O Goberno galego insiste en agardar ao ditame do Consultivo

A Xunta trasladara unha consulta ao Consello Consultivo de Galicia para analizar a viabilidade legal sobre esta posíbel adscrición dos terreos de Ence á zona portuaria, considerada de carácter industrial.

No caso de ter recibido unha resposta positiva, a equipa de Feixoo pretendía defender a iniciativa ante o Estado ao entender que a vinculación ao ámbito portuario destes terreos implicaría un réxime xurídico distinto e, en consecuencia, non sería aplicable a Lei de Costas. "Tentar explorar esta vía para eludir esa sentenza, non é viable", abundou o secretario de Estado.

O rexedor de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, insistiu nas conclusións do informe municipal do 2005 en contra desa opción portuaria e reiterou a postura do Goberno municipal de que a única opción de Ence é o traslado.

Pola súa banda, o delegado territorial da Xunta, Luís López, que asistiu á reunión en ausencia do conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, insistiu en defender esta posibilidade a condición de que se conte co respaldo do informe do Consello Consultivo de Galicia.

Apoio económico para a mudanza

Para evitar a fechamento total da pasteira, o secretario de Estado de Medio Ambiente aceptou a proposta do comité e avanzou que o Ministerio vai encargar "con carácter inmediato" un estudo independente para identificar outras posíbeis localizacións dentro da Galiza.

"Se a empresa tivese que acometer un investimento para unha nova recolocación, que incorporase un valor engadido á súa liña de produción, o Estado estaría en condicións de acompañar financeiramente ese investimento, tendo en conta que a prioridade, en todo caso, é a defensa dos postos de traballo", dixo Hugo Morán.

Comentarios