A Xunta dá luz verde ao parque eólico Alto Torreiro, en Cabana e Coristanco, e arquiva outros tres proxectos

Alto Torreiro prevé erguer dous aeroxeradores cunha potencia total autorizada duns 15 MW.
Aeroxerador da compañía EDP Renovables. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Aeroxerador da compañía EDP Renovables. (Foto: Nós Diario)

A Xunta da Galiza vén de outorgar a autorización administrativa previa e de construción das instalacións relativas aos proxectos do parque eólico Alto Torreiro, proxectado nos termos municipais de Cabana de Bergantiños e Coristanco, na comarca de Bergantiños, pola compañía EDP Renovables. Segundo se recolle nunha resolución da Dirección Xeral de Planificación Enerxética publicada esta sexta feira no Diario Oficial da Galiza, o orzamento de execución sería de 13.625.402,18 euros e contaría cunha potencia autorizada de 15,825 megawatts (MW) e unha produción neta de 49.000 MWh/ano.

Entre as características técnicas desta instalación, o texto detalla dous aeroxeradores de 6,6 MW de potencia unitaria e un aeroxerador de 2.625 kW, así como dous centros de transformación, un dentro de cada aeroxerador, e outro centro de transformación, dentro do outro aeroxerador, de tipo seco e illados mediante resina epoxi.

Tamén expón unha rede eléctrica soterrada de 30 kV, de interconexión entre os centros de transformación dos aeroxeradores e a subestación transformadora Bustelo e Baralláns, así como unha torre meteorolóxica de 122,5 metros.

Parque eólico Alvite II

Paralelamente, o DOG publica este venres o acordo da Consellería de Economía, Industria e Innovación polo que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, a autorización administrativa de construción e o estudo de impacto ambiental do proxecto de infraestruturas de evacuación do parque eólico Alvite II, nos concellos de Negreira (A Barcala) e Mazaricos (Xallas).

Neste caso, o solicitante é Green Capital Power, conta cun orzamento de execución material de 2.141.466,06 euros e un prazo de execución de sete meses. O proxecto faise público para poder examinar a documentación técnica e presentar as alegacións que se estimen oportunas dentro dun prazo de 30 días, que se contará a partir do día seguinte ao da última publicación deste acordo no DOG ou nun dos xornais de maior circulación nos lugares afectados.

Parque eólico Airas

A maiores, o DOG recolle esta sexta feira o acordo da Xefatura Territorial da Xunta en Lugo polo que se anuncia o levantamento de actas previas á ocupación de bens e dereitos afectados pola instalación eléctrica do parque eólico Airas, nos concellos de Alfoz e Mondoñedo (A Mariña).

Tres proxectos arquivados

Tamén informa do arquivo e cancelación da garantía económica depositada dos parques eólicos Pedra Queimada, nos concellos de Arteixo, A Laracha e Carballo; Fonsanta, en Bande, Rairiz de Veiga e Verea, e Ourol II, en Ourol, estes dous últimos impulsados por Greenalia e o primeiro, Pedra Queimada, por Desarrollos Renovables del Norte.

Comentarios