A Xunta autoriza un novo parque eólico de Norvento, Marco, en Rois e Brión

O proxecto prevé situar seis aeroxeradores que sumarían unha potencia instalada de 24 MW.
Un aeroxerador da compañía Norvento.
photo_camera Un aeroxerador da compañía Norvento.

Luz verde a un novo parque eólico de Norvento, a compañía promotora do cuestionado por veciñanza e ecoloxistas proxecto do Monte Acibal. O director xeral de Planificación Enerxética da Xunta da Galiza, Pablo Fernández Vila, asina a resolución pola que se concede a autorización administrativa previa ao parque eólico Marco, datada do pasado 6 de febreiro e publicada esta quinta feira no Diario Oficial da Galiza.

As infraestruturas deste parque situaranse nos termos municipais de Rois e Brión, nas comarcas do Sar e Compostela. Estará conformado por seis aeroxeradores que sumarán unha potencia total instalada de 24 megawatts (MW) e que se situarán, segundo se desprende dos estudos elaborados pola Administración galega, a máis dos 500 metros de distancia mínima de núcleos de poboación que marca a normativa vixente. Os muíños eólicos terán unha altura de buxa de 119 metros e un diámetro de rotor de 158.

Durante o período de exposición pública, a comezos do pasado ano, rexistráronse diversas alegacións, todas elas, afirma a Xunta, contestadas pola promotora e que levaron a efectuar unha serie de pequenas modificacións no proxecto, nomeadamente o desprazamento dos aeroxeradores 3 e 4 e da torre meteorolóxica 1, a eliminación das posicións 5 e 6 e da torre meteorolóxica 2, incluíndo a súas infraestruturas asociadas —vieiros de acceso e gabias— e o cambio do modelo de aeroxerador nas posicións 1 e 2.

O pasado mes de novembro o proxecto recibiu unha declaración de impacto ambiental (DIA) favorábel condicionada ao cumprimento dunha serie de requerimentos, ao entender que é "ambientalmente viábel" malia os seus posíbeis impactos. Así, a Administración conclúe que a afección visual non será "crítica", e que as que se producirían sobre os afloramentos rochosos quedan mitigadas co desprazamento dalgúns dos muíños.

A respecto do ruído o efecto acumulativo, a DIA sinala que será "pouco significativo" debido á distancia entre os parques eólicos xa operativos na contorna e liñas eléctricas situadas na zona de estudo e as vivendas mais próximas, considerándose un "efecto acumulativo compatíbel".

E no tocante ao medio biótocio, e máis concretamente aos hábitats prioritarios localizados na área de estudo, estima que a construción do proxecto suporía un aumento de superficie afectada respecto do total de 0,13%, considerando que o efecto acumulativo será tamén "compatíbel".

Comentarios