Canto custa unha vivenda alugada? E canto se paga de hipoteca? O mercado inmobiliario galego, en datos

O INE publica a Enquisa de Características Esenciais da Poboación e Vivendas, con datos de 2021.
Edificios residenciais na rúa do Hórreo de Santiago. (Foto: Arxina)
photo_camera Edificios residenciais na rúa do Hórreo de Santiago. (Foto: Arxina)

Aproximadamente unha de cada dez vivendas rexistradas na Galiza están en réxime de alugueiro. Son, en concreto, 136.543 fogares, segundo a Enquisa de Características Esenciais da Poboación e Vivendas, que o INE actualizou esta cuarta feira cos datos máis recentes dispoñíbeis, correspondentes á anualidade de 2021. As casas e pisos alugados representan 12,4% do total do país (1.100.477). No conxunto do Estado español a porcentaxe de vivendas en alugueiro sobre a cifra xeral é lixeiramente superior, 15,9%.

Da mesma enquisa extráese que inmensa maioría das vivendas en réxime de alugueiro (100.634) teñen unha cota mensual que vai desde os 200 até os 500 euros, mentres en 10.327 son inferiores a 200 euros; 21.500, entre 500 e 700 euros; 2.388, entre 700 e 1.000 euros, e 1.693, superiores a 1.000 euros mensuais.

Sobre o total de fogares da Galiza, máis de medio millón foron adquiridas en operacións de compravenda, das cales 371.949 (33,8% do total de vivendas) están xa pagadas na súa totalidade e outras 197.687 (17,9%) teñen aínda cotas pendentes da hipoteca por abonar.

Outras 252.100 vivendas correspóndense a herdanzas ou doazóns (22,9%), mentres 29.404 (2,8%) foron cedidas ou a baixo prezo, por exemplo, pola empresa, e até 112.794 (10,2%) aparecen recollidas no concepto "outra forma" [de transmisión da propiedade].

No que atinxe a ese perto de 18% de casas e pisos comprados con cotas pendentes da hipoteca, estas móvense en cifras moi semellantes ás do alugueiro. No caso de 16.801 fogares, a contía non chega aos 200 euros; en 133.261, vai de 200 a 500 euros; en 28.763, de 500 a 700; en 8.875, de 700 a 1.000 euros, e en 9.987, supera os 1.000 euros.

Por outra parte, os datos do INE mostran tamén que até 13% das familias galegas dispón dunha segunda residencia, mentres que case 83% ten, cando menos, un vehículo en propiedade para os seus desprazamentos diarios.

Entre as características dos domicilios da Galiza, arredor de 87,9% posúe calefacción, sete puntos máis que a media estatal. Con todo, só 6,6% dispón de ar acondicionado, moi lonxe do 49,6% do total do Estado español.

Así mesmo, 11,9% dos fogares galegos ten problemas de contaminación ou malos cheiros, mentres 16,5% ten poucas zonas verdes e 8,7% está en zonas con delincuencia ou vandalismo, segundo as valoracións dos propietarios.

Comentarios