O tipo de xuro das novas hipotecas creceu 125% nos últimos 12 meses

Os préstamos alcanzan as taxas máis altas en 10 anos.
O tipo de xuro das novas hipotecas alcanzou 3,345% en xaneiro (Foto: Nós Diario).
photo_camera O tipo de xuro das novas hipotecas alcanzou 3,345% en xaneiro (Foto: Nós Diario).

O tipo de xuro medio ao que as entidades financeiras do Estado español concederon créditos para hipotecas no mes de xaneiro de 2023 foi de 3,345%, o que supón o maior nivel rexistrado desde novembro de 2013, segundo os datos difundidos esta segunda feira polo Banco de España.

Así, o tipo de xuro medio dos préstamos hipotecarios a máis de tres anos para a adquisición de vivenda libre concedidos polas entidades no Estado español subiu por undécimo mes consecutivo, até 3,345%, fronte á taxa de 3,116% rexistrada en decembro. Un ano antes, o tipo medio de xuro era de 1,485%.

A suba prodúcese nun contexto no que o Euribor, o índice de referencia para a maioría das hipotecas na Galiza, fechou o mes de xaneiro en 3,337%, por encima da taxa de 3,018% rexistrada en decembro, continuando coa tendencia de subas que iniciou a principios de 2022.

Pola súa parte, o tipo de xuro medio dos préstamos hipotecarios entre un e cinco anos para a adquisición de vivenda libre concedidos polas entidades de crédito na zona do euro subiu a 3,16% no mes de xaneiro, fronte á taxa de 3,04% en decembro.

Nos últimos 12 meses, o tipo dos xuros das novas hipotecas pasou a ser máis do dobre do que era, aumentando até en 125% desde xaneiro de 2022 até o mesmo mes do presente exercicio. 

A perspectiva de suba dos custos das hipotecas provocou un aumento no mercado inmobiliario galego pois, a pesar do encarecemento dos préstamos, a compravenda de vivendas rexistrou en 2022 un aumento de 8,6% na Galiza a respecto do exercicio anterior, con até un total de 21.527 operacións.

Porén, o incremento da actividade inmobiliaria no país foi menor que no conxunto do Estado español, onde a compravenda de vivendas rexistrou en 2022 un aumento de 14,7% en comparanza co ano anterior.

Desta forma, a nivel estatal rexistráronse até un total de 649.494 operacións, a maior cifra de transaccións desde o exercicio 2007, cando se realizaron máis de 775.000 compravendas. Non obstante, a concesión de hipotecas xa está a caer e agárdase un arrefriamento da construción durante 2023.

Comentarios