martes 11/05/21

Viticultores propoñen até 24 iniciativas para o futuro do sector ante a “inactividade” da Xunta

Asociación Galega de Viticultura preséntalle á Consellería de Medio Rural un Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica do sector vitivinícola galego.

colleita, viño, ribeira sacra, uvas

Investigación e mellora xenética do potencial vitícola/económico das castes autóctonas, creación dun Banco de Xermoplasma Vitícola das castes autóctonas galegas, apoio aos proxectos de transformación das explotacións vitícolas cara a unha viticultura sostíbel en termos económicos, medioambientais e sociais;  apoio á actualización e dixitalización dos Consellos Reguladores, das adegas e as explotacións.... Estas son só algunhas das 24 iniciativas que a Asociación Galega de Viticultura (AGV)- Fruga enmarca nas Liñas Estratéxicas para un Proxecto estratéxico de futuro do sector vitivinícola galego e que lle remitiu á Xunta.

A AGV-FRUGA lamenta a “inactividade” do Goberno galego neste campo e reclama ao Conselleiro do Medio Rural a elaboración dun Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica do sector vitivinícola Galego (PERTE). “Este sector, fundamental na industria agroalimentaria da Galiza, está sendo duramente golpeado pola crise da Covid-19 e necesita que o Goberno da Xunta se implique para paliar as consecuencias desta crise e resolver os seus problemas estruturais”.

“Fronte aos macroproxectos débese priorizar a dinamización económica e social das pequenas e medianas empresas e/ou persoas autónomas”

Sinalan os fondos europeos Next Generation como “fundamentais para poder paliar as consecuencias desta crise e, ademais, contribuír á modernización dun sector fundamental na economía galega e no rural”.

A AGV lamenta “a falta de implicación da Xunta co sector”, pois, afirma, no lugar de facer políticas que solucionen os problemas estruturais do sector vitícola, acrecentados pola grave crise económica coa caída de vendas, polo peche do canal HORECA e pola caída das exportacións, “a Consellaría limítase a anunciar parches e brindes ao sol”.

Esta asociación incide en que calquera aposta para o sector debe de ter claro que “fronte aos macroproxectos débese priorizar a dinamización económica e social das pequenas e medianas empresas e/ou persoas autónomas, daquelas zonas do rural galego con presenza dunha actividade vitícola”.

comentarios