A “nova normalidade” non se albisca no sector vinícola galego

A Asociación Galega de Viticutura (AGV) lamentan a falta de apoios das administracións e advirten que de cara a setembro a situación pode empeorar.

Ribeira Sacra
photo_camera Ribeira Sacra

É outro dos sectores machacados pola crise derivada da pandemia do coronavirus. O sector vitivinícola veu como se fechaban mercados e como caída á demanda, unha situación que padecen mentres observan como os discursos que falan de “nova normalidade” van saíndo ao escenario.

Desde a Asociación Galega de Viticultura (AGV) advirten que non hai “nin factores nin feitos” que permitan albiscar esa “nova normalidade” e “despexar as incógnitas” que pairan sobre o sector e o futuro “de moitas iniciativas, privadas e colectivas, que naceron nos últimos anos nun dos sectores económicos máis puxantes antes da crise sanitaria en Galiza”.

Lembran que após a declaración do estado de alarma dirixíronse ao órgano con competencias, a Consellaría de Medio Rural, para lle propor que se traballase en dúas liñas que entendían claves para este sector: Habilitación de liñas de axudas (fiscais, financeiras, de apoio ao mantemento de emprego...) que permitan facerlle fronte aos gastos e á falta de ingresos; e elaboración dun plan de apoio ao sector vitivinícola para o “día despois”.

Porén, indica a AGV, “non se teñen producido avances claros e concretos“.

Prazos

Indican que en setembro pode haber unha acumulación de viño de colleitas anteriores, que non poideron venderse coa crise, e coincidir coa nova colleita. “Nese momento a crise, que agora golpea principalmente nas vendas das adegas, chegará tamén ás persoas viticultoras que se verán coa uva nas vides e sen que ninguén llas merque ou lles ofrezan prezos por debaixo dos custos de explotación”.

A AGV-FRUGA, demanda a instauración dos contratos homologados ligados a un prezo que cando menos cubra os custes de produción.

Ademais, fan un chamamento ao Conselleiro do Medio Rural “para que facendo uso das competencias que teñen asumidas se desenvolva, a traveso do diálogo co sector, un Plan Estratéxico Vitivinícola Galego”.

Comentarios