A DO Ribeira Sacra fecha unha das colleitas máis produtivas e eleva a 76,8 millóns os quilos de uva recollidos no país

Desde a DO subliñan a "moi boa calidade" desta colleita, na que a uva tinta "vén con menos graos do habitual polo cambio climático".
Un home vendimando en Sober. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera Un home vendimando en Sober. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

A Denominación de Orixe Ribeira Sacra finalizou na tarde desta pasada cuarta feira a súa vendima, "unha das máis longas da historia", cun total de 6,6 millóns de quilos de uva colleitados, o que supón arredor de medio millón de quilos máis que en 2022 (+8%). Con este dato, o global recollido na Galiza neste 2023 elévase a 76,8 millóns de quilos. En declaracións á axencia Europa Press, o presidente do Consello Regulador de Ribeira Sacra, Antonio Lombardía, destaca que na tarde da cuartas feira rematou a colleita a última adega que quedaba pendente. Todo iso máis de 50 días despois de que comezase o 22 de agosto na DO unha "vendima moi longa".

O total recolectado supón a terceira maior colleita na Ribeira Sacra desde uns rexistros que datan de 1996, só superada polas anualidades de 2011 e 2019. A principal variedade recollida en tinto foi mencía, con 5,2 millóns de quilos. Na uva branca resaltan os 700.000 quilos de godello.

Lombardía subliña a "moi boa calidade" desta colleita, na que a uva tinta "vén con menos graos do habitual polo cambio climático". Relata que os viños deste exercicio son "máis lixeiros, máis frescos e máis froiteiros", de modo que se asemellan máis ao "estilo tradicional da zona".

Datos globais

A pasada semana, a Xunta da Galiza informaba dos datos globais da vendima deste ano, por entón en 75,4 millóns de quilos a falta de fechar a Ribeira Sacra. Agora, xa coas cifras desa DO, o global do país elévase a 76,8 millóns de quilos, igualmente a maior colleita na última década e arredor de 9% máis que en 2022.

Na terza feira a DO Valdeorras tamén confirmaba o fechamento definitivo da vendima após o fin dos traballos de Adegas Viña Somoza. Uns resultados que o presidente do consello regulador, José Ramón Rodríguez, cualifica como "magníficos", con perto de 8 millóns de quilos.

Este ano estivo marcado polo récord histórico de Rías Baixas, con 44,3 millóns de quilos, unha DO que se pon o reto de duplicar o valor das súas vendas de aquí ao ano 2030. Este crecemento pasa por unha estratexia que centrada na internacionalización, viños prémium e a innovación sustentábel.

As cinco denominacións de orixe anotan, de feito, un incremento de produción a respecto de 2022, incluída Ribeira Sacra. Rías Baixas chegou a 44,3 millóns de quilos uvas, 8% máis que o ano anterior, récordna súa historia. O albariño supón o 97% da súa produción. Seguen Ribeiro (11,5 millóns, 12% máis), Ribeira Sacra (6,6 millóns, 8% máis), Valdeorras (7,8 millóns, 20% máis) e Monterrei (6,6 millóns, 2% máis).

Comentarios