Récord na vendima de 2023: 75,4 millóns de quilos de uva recollidos na Galiza

Rías Baixas rexistra o seu récord histórico, con 44,3 millóns de quilos

Traballos de vendima en Cambados (comarca do Salnés) o pasado 7 de setembro. (Foto: Elena Fernández / Europa Press)
photo_camera Traballos de vendima en Cambados (comarca do Salnés) o pasado 7 de setembro. (Foto: Elena Fernández / Europa Press)

A vendima de 2023 na Galiza rexistra un total de 75,4 millóns de quilos de uva, o que supón cinco millóns de quilos máis que en 2022 (+7%). Trátase da maior nunha década e aproxímase á máis alta da historia.

Segundo datos da Consellaría do Medio Rural, 66,3 millóns do total son uvas de variedade branca e 9,1 millóns restantes son tintas.

Este nivel é o máis abundante do decenio 2014-2023, de forma que se supera este ano nun 18% a media deste decenio. As cinco denominacións de orixe anótanse un incremento de produción respecto a 2022, incluída Ribeira Sacra que aínda non ten fechados os datos definitivos.

Rías Baixas chegou a 44,3 millóns de quilos uvas, 8% máis que o ano anterior, récord na súa historia. O albariño supón 97% da súa produción. Esta cifra é 22% maior que a media da década.

Séguelle: Ribeiro (11,5 millóns, 12% máis), Ribeira Sacra (5,2 millóns, cos traballos por terminar), Valdeorras (7,8 millóns, 20% máis) e Monterrei (6,6 millóns, 2% máis).

Pola súa banda, Medio Rural indica que, por quinto ano consecutivo, activou, con coordinación cos consellos reguladores, un plan de control para asegurar a calidade dos caldos e a procedencia da uva, cun investimento de 200.000 euros e a participación de 19 profesionais.

En rolda de prensa posterior ao Consello, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, valorou que estes son uns "magníficos" datos para o conxunto das cinco DO, os cales "fan aventurar un magnífico futuro para sector".

Comentarios