O pequeno comercio afunde en marzo e cae 10,5%, o dobre que a media estatal

No conxunto do Estado español as vendas tamén experimentaron un descenso, mais 5,5%.
#comercio #rebaixas #venda #vendas #prezos #ipc #fechamento #feche (Foto: Rioboo Prada)
photo_camera O emprego no pequeno comercio medrou 8,4%. (Foto: Rioboo Prada)

O comercio polo miúdo rexistrou un retroceso das súas vendas de 10,5% en relación ao mesmo mes de 2021, segundo datos publicados esta sexta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Este descenso duplicou a baixada do conxunto do Estado español.

Desta maneira, a Galiza ficou como o territorio cunha baixada máis acusada, só superado pola cidade autónoma de Melilla (-12%). Con todo, a respecto do emprego, o sector rexistrou en marzo unha suba de 3%.

E, no que vai de ano, o emprego no pequeno comercio subiu na Galiza 8,4%, malia que as súas vendas baixaron 3,3% desde xaneiro até marzo.

Datos estatais

A nivel estatal, o comercio polo miúdo rexistrou en marzo unha caída das súas vendas de 5,5%, unha taxa 7,2 puntos inferior á do mes anterior e o retroceso máis acusado desde febreiro de 2021, cando caeu 9,5%.

Así, as vendas do pequeno comercio regresaron en marzo a taxas negativas logo de dous meses de incrementos interanuais consecutivos, sempre segundo os datos do INE.

Eliminando os efectos estacionais e de calendario, a facturación do comercio polo miúdo baixou 4,2% interanual en marzo, marcando tamén o seu maior descenso desde febreiro de 2021 (-5,5%).

A respecto do emprego, o sector rexistrou en marzo un incremento interanual da ocupación de 2,3%, catro décimas menos que en febreiro. Con este incremento, acumula xa once meses consecutivos de alzas interanuais.

Comentarios