ECONOMÍA

A economía frea o seu crecemento e o PIB estáncase en 0,3% pola baixada do consumo

A economía frea o seu crecemento e o PIB estáncase en 0,3% pola baixada do consumo

É a primeira taxa negativa do gasto das familias desde o primeiro trimestre de 2021.
photo_camera A economía desacelera en case dous puntos o crecemento. (Foto: Europa Press)

A economía do Estado español desacelerou o seu crecemento trimestral case dous puntos entre xaneiro e marzo, até situalo en 0,3%, fronte ao 2,2% do trimestre anterior, debido á forte caída do consumo pola alza dos prezos, segundo o avance de datos de Contabilidade Nacional publicado esta sexta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Así, o organismo estima que o consumo dos fogares contraeuse 3,7% no primeiro trimestre, fronte ao crecemento de 1,5% que rexistrou no último cuarto de 2021.

É a primeira taxa negativa do gasto das familias desde o primeiro trimestre de 2021 e o seu maior descenso desde o segundo trimestre de 2020, cando a pandemia e o confinamento afundiron o consumo familiar 20,4%.

Porén, o crecemento interanual do PIB acelerouse case un punto no primeiro trimestre, desde o 5,5% do último trimestre de 2021 ao 6,4%, como consecuencia dunha maior achega do sector exterior.

En concreto, a demanda externa achegou 3,1 puntos ao PIB interanual do primeiro trimestre, cifra 1,3 puntos superior á do trimestre anterior, mentres que a demanda estatal contribuíu con 3,3 puntos, cinco décimas menos.

O INE explicou que o avance de datos deste primeiro trimestre realizouse a partir de indicadores estatísticos que ofrecían resultados até febreiro, aínda que se incorporaron algunhas estimacións de indicadores referidos ao mes de marzo, baseados en datos administrativos e outras fontes adicionais.

Con todo, avisa de que as futuras revisións dos datos do primeiro trimestre poderían ser maiores ás habituais polo contexto económico e de cambios "bruscos" que se vive actualmente, nomeadamente a guerra de Ucraína.

Apoia Nós Diario

Se estás lendo de balde este xornal é grazas ás máis de 3.000 persoas subscritoras. A información independente ten un prezo. Apoia un xornalismo galego e sustentábel subscribíndote a Nós Diario ou facéndote mecenas.

comentarios