Alcoa prepárase para abandonar A Mariña: as primeiras ofertas de compra chegarán en maio

A multinacional xa iniciou contactos con potenciais compradores da factoría de Cervo e comprométese a traballar a carón de Xunta e Goberno estatal para traspasala a unha sociedade "fiábel".
A reunión de seguimento de Alcoa desta quinta feira. (Foto: Europa Press)
photo_camera A reunión de seguimento de Alcoa desta quinta feira. (Foto: Europa Press)

A marcha de Alcoa da Mariña está cada vez máis perto. A multinacional anunciou esta quinta feira nunha nova reunión de seguimento do acordo de viabilidade da planta que xa iniciou os contactos con potenciais compradores e que prevé recibir ofertas non vinculantes a mediados do vindeiro mes de maio e vinculantes en xuño. Aseguraron tamén que son os "primeiros interesados" en atopar un comprador para a factoría de San Cibrao, en Cervo, que sexa "fiábel".

Tanto o Goberno español como a Xunta da Galiza e mais a propia empresa trasladaron a súa vontade de traballar xuntos no proceso de venda para procurar a solución máis beneficiosa posíbel para todas as partes, e emprazáronse á vindeira semana para abordar nunha nova xuntanza os seguintes pasos a seguir. As administracións reuniranse posteriormente co comité de empresa para ir informando dos avances. Ambos os gobernos, porén, mostráronse "preocupados" polos tempos propostos por Alcoa para vender as instalacións da Mariña.

No tocante ao acordo de viabilidade, a empresa demandou unha "flexibilización" do rearranque das cubas "en función da viabilidade", así como poder botar man do depósito de garantías para compensar perdas e atrasar o investimento do forno de ánodos até 2026 ligado á viabilidade da operación. Tamén propuxo ao comité estabelecer un programa de "baixas voluntarias" entre o persoal.

O presidente do comité, José Antonio Zan, insistiu pola súa parte en que o plan a cinco anos presentado por Alcoa "non presenta ningunha garantía", con 600 millóns en perdas os primeiros anos, polo que "non ten saída ningunha económica". Por iso, a "única solución que se ve é a venda", reiterou, matizando que Goberno estatal e Xunta deben "vixiar todo o proceso", sendo "parte e os responsábeis en calquera decisión final de venda". "Non podemos permitir que sexa Alcoa quen decida a quen vende, o máis importante é buscar viabilidade a longo prazo", subliñou.

Un cometido que prometeron abandeirar tanto a representante da Xunta, a conselleira María Jesús Lorenzana, como a de Moncloa, a secretaria de Estado de Industria, Rebeca Torró. A titular de Economía, Industria e Innovación do Goberno galego advertiu que que é "moi importante" que se "cumpra coa garantía económica feita" para que se poida cubrir ese investimento "no caso de que non se chegase a realizarse", e para un futuro comprador que "colla a compañía na mellor das condicións posíbeis". E Torró saientou unha "condición importantísima" do comprador: que teña "voación de permanencia" en Cervo.

A representación das e os traballadores requiriu tamén a creación inmediata dunha mesa técnica que aborde con carácter de urxencia as tramitacións das ampliacións da balsa de lodos (DBR) e parques eólicos, que contaría con persoal técnico dos ministerios de Transición Ecolóxica e Industria e das consellarías de Industria, Medio Ambiente e Sanidade.

Comentarios