O comité de Alcoa pide datos sobre o reinicio de cubas e critica o "incumprimento" do forno de ánodos

O BNG leva a debate na Comisión de Industria do Congreso unha iniciativa en que se insta o Executivo español a abordar a intervención pública da factoría de san Cibrao.

As instalacións de Alcoa en San Cibrao, no municipio de Cervo, na comarca da Mariña (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera As instalacións de Alcoa en San Cibrao, no municipio de Cervo, na comarca da Mariña (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

O comité de empresa da planta de Alcoa en San Cibrao, municipio de Cervo (A Mariña), pediu información á dirección da compañía sobre o reinicio das 32 cubas da fábrica de aluminio, xa que estaba previsto que este 1 de abril estivesen todas en funcionamento.

O presidente do comité, José Antonio Zan, aseguraron descoñecer se este reinicio se producíu ao completo, despois de que en 2022 a produción de aluminio primario se detivese na factoría. Non foi até mediados do pasado mes de febreiro cando se iniciou de novo a posta en marcha das cubas de forma gradual.

Por iso, este 4 de abril, manterán unha reunión de seguimento en Madrid coa dirección da compañía para coñecer a situación actual de Alcoa San Cibrao. A pesar de todo, Zan subliñou que o "principal problema" ao que se enfrontan na actualidade é o "incumprimento", por parte da empresa, da construción do forno de cocción de ánodos, o cal considera "indispensábel".

Así, pediu que estes traballos comecen "canto antes", porque este forno é un "piar básico" do acordo de viabilidade e del dependen moitos postos de traballo. Ademais, tamén urxiu información sobre a aprobación dos parques eólicos que darán servizo a Alcoa San Cibrao.

O BNG reclama ao Goberno español garantir a continuidade de Alcoa

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, leva a debate na Comisión de Industria do Congreso, que terá lugar na próxima semana, unha iniciativa en que se insta o Executivo español a abordar a intervención pública de Alcoa e outras medidas para asegurar a actividade da planta na Mariña e os postos de traballo despois da ameaza da dirección de fechamento

O deputado do BNG alerta o Goberno sobre o anuncio, que considera unha ameaza de fechamento da actividade da planta de San Cibrao, feito recentemente pola dirección de Alcoa. “Un anuncio que parece confirmar a intención da empresa de desfacerse da factoría” como xa fixo nas plantas de Avilés e A Coruña. Rego advirte das nefastas consecuencias que isto traería para a economía da comarca da Mariña, pois desta industria dependen millares de postos de traballo directos e indirectos. 

Néstor Rego afirma que, se se confirmar esta ameaza, o Goberno español debe apostar pola nacionalización da factoría. “Nin o marco normativo galego, nin o do Estado, nin o da UE, impiden a intervención pública desta industria estratéxica” e mesmo hai pronunciamentos do Congreso neste sentido. Ademais, acaba de intervir en Telefónica para evitar o seu control por capital saudí.

“A intervención, mesmo que for temporal para despois buscar un operador cun proxecto industrial fiábel e de continuidade, é un mecanismo que o Goberno debe estar disposto a activar”, asegura.

Comentarios