A veciñanza da Milagrosa critica que se tomen “medidas tan lesivas” co barrio lucense

A Asociación de Veciñas e Veciños da Milagrosa crítica que a Xunta perxudique tanto ao empresariado da zona e pide controis diarios na vez das restricións. A prohibición de servir dentro dos locais de hostalaría para evitar os contaxios de coronavirus provoca o feche de máis de medio cento de negocios polo menos até esta cuarta feira. 
milagrosa
photo_camera Parque da Milagrosa, en Lugo (Foto: Turismo de Galiza)

Após que a Xunta decidira impoñer novas restricións pola expansión dos contaxios de coronavirus no barrio lucense de A Milagrosa (e tamén no municipio de Arteixo), a asociación veciñal da zona amosa a súa “preocupación” por ter que padecer unhas “medidas tan lesivas” como a prohibición de que os estabelecementos de hostalaría atendan no interior.

“Puxeron unha lousa ao barrio”, afirma o presidente do colectivo, Valentín Arias. A tensión afecta tamén aos empresarios, que teñen queixas ao respecto das limitacións de capacidade e de grupos. A Consellaría de Sanidade avisou de que este pasado fin de semana tamén entraba en vigor a limitación a cinco participantes das reunións de xente que non convive.

Malia que estas decisións son un intento de frear os contaxios da Covid-19, “medio cento de negocios tiveron que fechar as súas portas”.

Atender as terrazas e só ao 50% de ocupación suporía, din, máis custes que ingresos. Segundo a nova valoración que faga o Goberno galego esta cuarta feira, os locais hostaleiros cambiarán ou non de estratexia.

A afección é a 56 bares que hai no barrio e perxudica a moito empresariado e traballadoras e traballadores.

“Non podo dicir se as medidas están fóra de lugar ou non, porque non son médico nin epidemiólogo, pero si digo que se faga un control diario”, pediu o presidente da asociación de veciñas e veciños.

“Sabemos que hai contaxiados, igual que os hai en Lugo e en toda España”, incidiu, insistindo en que se lle quite parte dese peso ao sector empresarial.

Comentarios