Unha ampla delegación do sector do mar da Galiza exporá en Bruxelas as súas demandas

O BNG xestionou o encontro entre 24 representantes de sectores do mar da Galiza e a comisaria de pesca da UE. Coa delegación viaxarán Bieito Lobeira e Ana Miranda
Mariñeiro en plena faena. Foto: Greenpeace
photo_camera Mariñeiro en plena faena. Foto: Greenpeace

A comisaria europea de Pesca, María Damanaki, escoitará o vindeiro martes de forma directa e sen interferencias as demandas dos diferentes sectores do mar da Galiza, desde o dos mexilloeiros até mariñeiros da flota artesanal, pasando por mariscadoras ou redeiras. Unha ampla delegación de 24 persoas representativa destes colectivos viaxará até Bruxelas para expor as súas demandas e necisidades ante a UE. Esta interlocución é posíbel grazas a que o BNG traballou nestes meses para lograr dar "voz directa" ao sector ante a Unión Europea. De feito, a comitiva tamén contará coa presenza do deputado do BNG Bieito Lobeira e a eurodeputada nacionalista Ana Miranda.

Política Pesqueira Común

Na xuntanza, BNG e colectivos do sector do mar galego tratarán de que Damanaki entenda as "singularidades" do caso da Galiza a respeito da PPC (Política Pesqueira Común). Do que se trata é de que a UE entenda que Galiza debe ter un "tratamento específico", sinalan desde o BNG, debido tanto ao peso que marisqueo, pesca e acuicultura tradicional teñen no tecido produtivo e laboral no noso país, como por mor das propias singularidades dos sectores galegos que viven do mar. Iso implicaría que Galiza merecería un tratamento singular non só a nivel lexislativo, senón tamén en canto a fondos.

 Bieito Lobeira sinala que o BNG vese na obriga de actuar e asumir a responsabilidade de actuar case como se fose goberno galego, pois o actual non foi quen de xestionar ou moverse para que o sector galego fose a Bruxelas a expoñer as súas inquedanzas e achegas sobre a política pesqueira da UE.

Comentarios